A Deputación convoca as tres liñas de axudas dirixidas ao tecido asociativo e movemento veciñal da provincia: +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria

O orzamento das tres liñas medra un 20% con respecto ao ano 2025 para alcanzar os 3,2 millóns de euros, tras beneficiar nas dúas anualidades anteriores a arredor de mil colectivos cun reparto de 11,5 millóns

05/01/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de convocar as tres liñas de axudas dirixidas ao tecido asociativo e movemento veciñal da provincia, +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria, que suman en 2026 un investimento inicial de 3,2 millóns de euros. O orzamento global dos plans da área de Acción Comunitaria medra neste 2026 un 20% con respecto ao 2025, co aval de ter axudado a arredor dun milleiro de colectivos que percibiron 11,5 millóns de euros nas dúas anualidades anteriores de Provincia Comunitaria e +Aqua e na primeira edición do +Novaqua. O prazo de solicitude xa está aberto trala publicación das bases o pasado venres 2 de xaneiro, e permanecerá aberto ata o mércores 1 de abril.

As liñas de axudas dirixidas ás comunidades de augas, +Aqua e +Novaqua, están dotadas este ano de máis de 1,8 millóns de euros para seguir avanzando na mellora da calidade da auga e das súas instalacións, así como na regularización das traídas. Os 360.000 € de +Novaqua irán dirixidos a regularizar as traídas de augas veciñais, con axudas que ascenden ata os 6.000 euros e permitirán aos colectivos sufragar os custos da redacción do proxecto de legalización e renovación, das analíticas ou dos traballos de topografía, así como os gastos de xestión e tramitación, entre outras cuestións.

Con preto de 1,5 millóns de euros, no marco de +Aqua destinaranse ata 10.000 € por entidade para instalar ou mellorar as infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias (contadores, canalizacións, redes de distribución, tomas…), así como iniciativas de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora na xestión da auga. Tamén poderán dedicar os recursos da Deputación a financiar sistemas de tratamentos ou da calidade da auga subministrada, ademais de a obras de mellora na captación ou actuacións de impermeabilización, entre outras actuacións.

No que respecta a Provincia Comunitaria, a liña de axudas dirixida a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais da provincia, o orzamento ascende a preto de 1,5 millóns, tamén con máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria. Neste caso, os colectivos poderán solicitar o financiamento de obras, da adquisición de equipamentos ou dos gastos derivados da xestión e tramitación da subvención e do pago de taxas, así como para traballos de roza e de limpeza de terreos.

A área de Acción Comunitaria da Deputación busca ser unha ferramenta para o impulso da cohesión territorial, a sostibilidade ambiental e a habitabilidade humana na provincia, cun enfoque centrado nas comunidades veciñais (co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades) e nos espazos que normalmente son máis vulnerables á desigualdade territorial. O obxectivo do goberno provincial con estes tres plans é contribuír a vertebrar o territorio así como xerar sinerxías positivas especialmente nas zonas rurais, implicando a veciñanza na construción do seu propio modelo de vida baseado na calidade, a sostibilidade e a equidade na prestación dos servizos básicos.