A Deputación abre este venres o prazo para que 40 centros escolares da provincia visiten a Casa-Museo de Rosalía de Castro
A institución provincial dedica 31.500 € ao programa “Rosalía, a súa casiña, o meu lar” en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro para fomentar a difusión do patrimonio lingüístico e cultural de Galicia
15/01/2026
A Deputación de Pontevedra abre este venres 16 de xaneiro o prazo para que os centros escolares sostidos con fondos públicos da provincia soliciten participar no programa “Rosalía, a súa casiña, o meu lar”, unha iniciativa impulsada en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro na que se organizarán ata 40 visitas escolares á súa Casa-Museo en Padrón. O alumnado da provincia poderá así coñecer a riqueza cultural da súa colección, o intenso labor que desenvolve e achegarse á figura e legado da autora. Trala publicación este xoves das bases do programa, os centros teñen un prazo dun mes a partir deste venres para presentar a súa solicitude.
A Deputación destina a “Rosalía, a súa casiña, o meu lar” 31.500 euros co obxectivo de reforzar a súa aposta por divulgar a figura e o legado da autora, así como o patrimonio lingüístico e cultural de Galicia. As visitas estarán guiadas polo persoal do Departamento de Educación da Casa-Museo e apoiadas no material didáctico enviado previamente a cada centro educativo, adaptado a cada etapa (primaria, ESO e bacharelato).
No percorrido, o alumnado coñecerá os acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. No andar baixo, denominado “O perfil dunha sombra”, os escolares apreciarán a súa vida, a contorna que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora. No primeiro andar, “O seu”, vivirán unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga. Ademais realizarase unha proxección audiovisual e recibirán varios volumes literarios da autora.
Os centros educativos interesados deberán concertar as vistas co departamento de Educación da Casa-Museo a través do correo fundacion@rosaliadecastro.gal ou do teléfono 981 811 204, e unha vez acordada a cita terán que presentar a súa solicitude a través da Sede Electrónica da Deputación facendo constar a data e o orzamento e horarios do servizo de transporte. O programa é totalmente de balde para os centros.
Rosalía de Castro é a autora nuclear das letras galegas modernas, a voz poética de Galicia por excelencia, unha icona popular e un referente indispensable do panorama literario do século XIX. Os seus “Cantares gallegos” foron entendidos como a primeira grande obra da literatura galega contemporánea, na que recupera unha tradición escrita en galego que se perdera, ao tempo que situou a literatura popular no lugar que lle corresponde, ao outorgarlle a importancia que lle foi negada durante séculos.