A Deputación supervisa en Ribadumia a execución de cunetas de seguridade na EP-9305 Coirón-Ribadumia-Leiro

28/01/2026

visita ribadumia obras cunetas ep-9305 coirón-ribadumia-leiro

A Deputación de Pontevedra supervisou este mércores a execución de cunetas de seguridade e obras de mellora da seguridade viaria que se están a levar a cabo na EP-9305 Coirón-Ribadumia-Leiro, no Concello de Ribadumia. O deputado provincial Javier Tourís, acompañado polo alcalde da vila, David Castro, percorreu o tramo no que se están a desenvolver as actuacións ao abeiro do acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación, cun orzamento global de 2 millóns de euros.

Tal como destacou o deputado provincial, as obras que se están a realizar no Concello de Ribadumia son operacións de mellora da seguridade viaria mediante a execución de cunetas nun treito de 125 metros lineais da vía ao seu paso polo núcleo de Leiro. Esta actuación permitirá mellorar a drenaxe da estrada e tamén a súa seguridade, ao configurar espazos para que as persoas condutoras poidan reconducir a súa traxectoria en caso de saída da calzada.

Javier Tourís lembrou que esta é só unha das actuacións en estradas provinciais localizadas no Concello de Ribadumia incluídas no acordo marco, concretamente no lote 2, cun orzamento de máis de 738.000 euros. Ademais desta actuación, o acordo tamén inclúe traballos na EP-9501 Ribadumia-A Grenla, xa executados.