Luis López confirma a activación de dúas liñas de axudas da Deputación por valor de 300.000 € para o fomento da lingua galega
O presidente detallou que 200.000 € irán dirixidos a apoiar os servizos de normalización lingüística dos concellos de menos de 50.000 habitantes e 100.000 € á edición de publicacións en galego promovidas por entidades sen ánimo de lucro
30/01/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra confirma que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar recursos por valor de 300.000 € para o fomento da lingua galega, “a nosa, a miña, a que tanto nos identifica”. Segundo detallou Luis López, 200.000 € irán dirixidos a apoiar os servizos de normalización lingüística dos concellos de menos de 50.000 habitantes e entidades locais menores e outros 100.000 € á edición de publicacións en galego promovidas por entidades sen ánimo de lucro.
As axudas para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística dos concellos de menos de 50.000 habitantes e entidades locais menores, dotadas con 200.000 €, distribúense, tal e como explicou o presidente, en dúas liñas: a destinada á creación do servizo de normalización lingüística, que destinará ata un máximo de 35.000 € por solicitante; e a destinada ao mantemento e reforzo deste servizo, cun máximo de 25.000 € por entidade. López recordou que o pasado ano nove concellos da provincia beneficiáronse desta liña de axudas “coa que queremos avanzar na consolidación do uso do galego como lingua de traballo e de comunicación nos concellos e coa cidadanía”.
No que respecta ás axudas para edicións en galego normativo promovidas por entidades sen ánimo de lucro, que ascenden a 100.000 €, preténdense impulsar traballos de interese para a provincia, que recoñezan a cultura galega e contribúan ao enriquecemento bibliográfico provincial. En liñas xerais, concederanse ata un máximo de 3.500 € para publicacións en papel, 6.000 € para pezas audiovisuais e 8.000 € para as mixtas, sempre que o importe máximo non exceda do 70% do orzamento, e o prazo para solicitar estas axudas será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
