A Deputación acada a certificación “Starlight” para o miradoiro de San Nomedio, nas Neves, xestionado a través do proxecto Visit Río Minho Plus

Luis López remarcou que “se hai unhas semanas falaba do eclipse e da posición privilexiada desta provincia para observalo, hoxe quero anunciar este recoñecemento que vimos de sumar e nos vai permitir seguir avanzando no impulso do turismo astronómico”

30/01/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de acadar a certificación “Paraje Starlight” para o miradoiro de San Nomedio, no Concello das Neves, xestionado a través do proxecto Visit Río Minho Plus, financiado con fondos europeos. “Se hai unhas semanas falaba do eclipse e da posición privilexiada desta provincia para observalo – remarcou o presidente provincial Luis López-, hoxe quero anunciar este recoñecemento que vimos de sumar e nos vai permitir seguir avanzando no impulso do turismo astronómico”.

Desde este momento, o miradoiro de San Nomedio forma parte da rede “Parajes Starlight” na que, desta provincia, tamén está integrado o Faro de Avión, no Concello de Covelo. A certificación acredita, tal e como subliñou o presidente, “a calidade do ceo e desta contorna para o astroturismo, esta modalidade innovadora e sostible que estamos a impulsar desde o goberno provincial e que, ademais de xerar economía, permite divulgar a ciencia a través dun mellor coñecemento do espazo”.

No miradoiro de San Nomedio a institución provincial está a investir preto de 18.000 € ao abeiro do proxecto Visit Río Minho Plus. Con estes recursos, segundo explicou Luis López, “estamos a realizar un estudo para valorizar a contorna, que está xa adxudicado e que, entre outras moitas cuestións, vai determinar o mobiliario urbano relacionado coa astronomía que instalaremos no miradoiro”.

videos

audios