A Deputación leva este domingo o ciclo +Escénicas a Ribadumia cun espectáculo de pompas de xabón para todos os públicos
O espectáculo “Os fabulosos cleaners” representarase a cargo da compañía de teatro Malasombra no Auditorio municipal ás 19:00 horas
08/01/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 11 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao concello de Ribadumia da man dun espectáculo familiar de pompas de xabón a cargo da compañía de teatro Malasombra. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo "Os fabulosos cleaners" de Malasombra representarase no Auditorio municipal a partir das 19:00 horas e está pensado para todos os públicos. Trátase dunha experiencia visual con pompas de xabón que conta como dous operarios da limpeza do teatro descobren por casualidade as múltiples posibilidades que ofrecen as súas ferramentas combinadas con auga e xabón. Os personaxes emprenderán unha excitante viaxe conducida polas burbullas: pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. Os espectadores de Ribadumia camiñarán da súa man por un mundo máxico, cheo de cor e moito humor.
Co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e marzo deste 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.