A Deputación programa a próxima semana oito espectáculos de teatro en Dozón, Salceda de Caselas, Covelo, Mondariz Balneario, Vila de Cruces, Vilanova de Arousa, As Neves e Catoira enmarcados no circuíto +Escénicas
O xoves 29 “Costureiriña bonita” representarase en Dozón; o venres 30 “Rogelio, un pallaso en recuperación” en Salceda de Caselas; o sábado 31 “Señores” en Covelo, “Contos na lareira” en Mondariz Balneario, “Kyoki” en Vila de Cruces e “En Samaín toca... maxia!” en Vilanova de Arousa, e o domingo 1 de novembro “Señores” nas Neves e “Quen dixo medo? Os divertidos espíritos do Samaín” en Catoira
24/10/2026
A Deputación de Pontevedra programa a próxima semana, do 29 de outubro ao 1 de novembro, un total de oito actuacións que forman parte do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Os espectáculos da semana terán lugar este xoves 29 en Dozón, o venres 30 en Salceda de Caselas, o sábado 31 en Covelo, Mondariz Balneario, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa, e o domingo 1 de novembro nas Neves e Catoira.
A programación semanal de +Escénicas da semana comeza o xoves 29 ás 16:00 horas no CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón, onde se representará “Costureiriña Bonita” da Cova das Letras, un espectáculo para todos os públicos que combina a maxia do xogo coa saudade dos tempos idos, un canto á muller galega modista, emigrada que procurou nas feituras un xeito de facer a vida. Na peza únense música, monicreques e lendas e, ao ritmo da máquina de coser, prepáranse os traxes que serven de inspiración para deixar voar a imaxinación.
O venres 30 chega ao Auditorio municipal de Salceda de Caselas, ás 18:00 horas, “Rogelio, un pallaso en recuperación”, de AsSircópatas, un espectáculo para toda a familia que combina circo, malabares e maxia e que conta a historia de Rogelio, un pallaso que leva vinte anos pechado na súa casa e que, despois de ler a Paulo Coelho, decide volver aos escenarios e facer en público o que máis lle gusta: a maxia.
Xa o sábado 31 o Auditorio municipal de Covelo acolle ás 18:30 horas “Señores (unha comedia machirula)”, de Ste Xeito. Esta obra de teatro para maiores de 12 anos conta a historia de Cecilia, Celia e Lía, que son xemelgas mais non poden ser máis distintas. Un día reciben a chamada de Carmen, a súa nai para acudir á casa familiar de Cabo Home durante a noite de San Xoán, o que leva a un reencontro entre catro mulleres e as cousas que viviron, as que esperan vivir, os medos, rancores e alegrías. “Señores” tamén chegará o domingo 1 de novembro ao Auditorio municipal José Gil das Neves, neste caso ás 19:00 horas.
O sábado 31 tamén terá lugar “Contos na lareira” na Praza do Mercado de Mondariz Balneario ás 21:00 horas. Trátase dun espectáculo de narración oral e contacontos a cargo do artista Iván Davila dirixido a público familiar e infantil a partir de 4 anos e no que recupera historias tradicionais do medio rural galego, de meigas e mouras e a Santa Compaña conectándoas con temas actuais como o coidado da natureza, a reciclaxe, a igualdade e a lingua.
Ademais, o sábado 31 “Kyoki”, de Elefante Elegante, chegará ao Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces a partir das 18:00 horas. Trátase dun espectáculo sen palabras destinado ao público infantil e familiar que aborda a temática do esquecemento, da vellez e da soidade. A familia, as institucións médicas e as institucións sociais están presentes nos tres personaxes interpretados pola actriz protagonista: a avóa, a súa filla e a doutora.
O sábado 31, Magia en la manga levará o seu espectáculo “En Samaín toca... maxia!” á Igrexa da Pastoriza en Vilanova de Arousa a partir das 18:00 horas. Trátase dun espectáculo temático de Samaín para público familiar que está cheo de maxia. Tamén Samaín é o protagonista do último espectáculo da próxima semana, que terá lugar o 1 de novembro ás 18:30 horas no Auditorio municipal de Catoira. Neste caso é “Quen dixo medo? Os divertidos espíritos de Samaín", un espectáculo de animación, movemento e clown para toda a familia ambientado nas historias da noite do Samaín, no que dúas personaxes farán bailar as e os nenos asistentes e xogar a ser auténticos monstros. A través destes xogos musicais, a rapazada aprenderá a relacionarse e a comprender que ser diferente ás demais persoas non é malo.
Co circuíto +Escénicas, dotado cun orzamento de 204.000 euros, cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.