Esgotadas de novo en apenas minutos as prazas para facer rafting no Miño este sábado dentro do programa de ecoturismo ‘Vive o Rio Minho’

As persoas participantes coñecerán o ‘Rio Minho’ como destino e marca turística gozando tamén de actividades culturais

15/05/2023

Novo éxito de inscrición nas actividades ecoturísticas do programa ‘Vive o Rio Minho’ organizadas pola Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Minho para promocionar  o Rio Miño como destino turístico transfronteirizo. De novo, as prazas dispoñibles para a actividade deste sábado, consistente nunha visita cultural a Arbo e a Melgaço e unha xornada de ‘rafting’, esgotáronse en apenas minutos.

As persoas aspirantes tiveron que agardar un pouco máis do previsto, pois unha incidencia informática impediu que a aplicación para solicitar as prazas estivese operativa ás nove da mañá, tal e como estaba programada. Solucionado o problema, a inscrición transcorreu sen incidencias.

As persoas participantes na actividade deste sábado gozarán dunha xornada de ecoturismo entre Melgaço e Arbo. Haberá unha visita guiada á vila de Melgaço e ao Solar do Alvarinho en Portugal para despois visitar o Museo Arabo do viño e a lamprea en Arbo. Pola tarde haberá balsismo na zona de Arbo dirixido pola empresa Arrepións. A actividade é para maiores de 12 anos, sendo imprescindible tamén saber nadar. Comezará ás 10 da mañá e rematará ás 20.30 horas.

 ‘Vive o Rio Minho’, desenvolvido dentro do proxecto homónimo financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’’, pretende ser unha 

alternativa turística que permite coñecer o territorio transfronteirizo do Miño dun xeito tranquilo, seguro e non masificado buscando a natureza, a cultura e toda a riqueza que ofrece a contorna.

Anel Verde

A seguinte xornada para a que se abrirá inscrición o vindeiro luns será a do sábado 27 de maio , que se desenvolverá entre Monção e Salvaterra de Miño, onde se realizará unha ruta circular de sendeirismo (12 km e dificultade media) polos Longos Vales de Monção, unha visita guiada a Salvaterra de Miño, e unha visita e degustación no Museo da Ciencia do Viño.

As rutas de sendeirismo pola contorna do río Miño pretenden ser unha maneira de achegar ao público o futuro Anel Verde do Miño, unha iniciativa que o AECT Rio Minho pretende desenvolver con fondos europeos e que consiste na creación e mellora dun circuíto circular ciclable de 196 kilómetros que prevé conectar os concellos de ambas marxes do río Miño a través de sendas e rutas xa preexistentes.

Hai que lembrar que todas as actividades do programa ‘Vive o Rio Minho’ son de balde e están destinadas ao público xeral (maiores de 12 anos que saiban nadar). As inscricións para os eventos realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.