A auga e o mar conectan a dobre exposición de Ch Sueiro e Amelia Palacios na sede da Deputación en Vigo

As dúas mostras, que abriron esta tarde cunha performance de Mónica Sueiro e Marta Pérez, permanecerán nas salas Maruja Mallo e Rosalía de Castro ata o 16 de xuño

09/05/2023

Exposición Amelia Palacios e Ch Sueiro

Auga e mar. Estes elementos, interpretados en forma de pintura e escultura, vinculan ás dúas novas exposicións nas que se embarca a sede da Deputación en Vigo e que protagonizan as creadoras Ch Sueiro e Amelia Palacios. Cunha performance a cargo de Mónica Sueiro e Marta Pérez, tamén relacionada con estes conceptos, ambas mostras abriron as súas portas esta tarde nas salas Maruja Mallo e Rosalía de Castro, onde permanecerán expostas ata o 16 de xuño. A presidenta provincial, Carmela Silva, que asistiu á apertura xunto a deputadas e deputados do goberno provincial, subliñou a traxectoria de ambas artistas galegas e a súa predilección “por elementos tan apegados á vida e á nosa cultura galega como son a auga e o mar”.

“O mar galego é vida e é arte –destacou a presidenta- e ben se pode ver nas propostas que nos fan estas dúas grandes creadoras, exemplo do talento desta provincia e da revolución artística e cultural que están a protagonizar as mulleres. Son dúas mostras que se complementan á perfección, porque ambas autoras ofrecen unha mirada á arte contemporánea a través da natureza máis inmediata.  Amelia Palacios usa e retrata a auga co seu peculiar estilo, con ese murmurio co que titula a súa exposición, a través de paisaxes que nos levan a admirar o noso territorio. E Ch Sueiro sérvese daquilo que nos trae o mar para transformalo e crear estas espectaculares esculturas que levan o seu sinal de identidade, ‘Alma madeira mar’”. “Con estas dúas mostras –engadiu- seguimos a potenciar a arte protagonizada por mulleres comprometidas desta provincia, porque temos moi claro o poder transformador da cultura, e especialmente da arte, para avanzar como sociedade”.

Precisamente, ese proceso creativo de Ch Sueiro inspirou a performance interpretada esta tarde por Mónica Sueiro, filla da artista, xunto a Marta Pérez. Con “Corpo salgado” amosaron como a muller artista atopa a materia coa que traballar e a vai transformando no que a quere converter. Baixo o son do mar e xogos de imaxes e voces, a protagonista descobre ‘algo’ coas súas redes e péscao, para comezar a traballar con esa materia a través da cal, como destacou Mónica Sueiro, “hai un momento creativo no que a artista e a materia fúndense”.

No caso de Ch Sueiro, nome artístico de Lucía Sueiro, reúne en Alma madeira mar, que se exhibe na Sala Maruja Mallo, esculturas creadas coas madeiras que o mar devolve. As súas obras teñen carácter surrealista e son de pequeno e medio formato, e a madeira convértese nun pretexto para crear pezas que xorden do imaxinario e do onírico, con sereas, barcos, náufragos ou medusas. Tamén xorden peregrinas e peregrinos para ser contemplados nas súas tres dimensións. A creadora incidiu en que nesta mostra a súa materia prima son "as madeiras do mar", máis a súa inspiración a partir de aí “atópase en todo o que rodea”. “Pode ser unha escena, pode ser unha cara, unha paisaxe, calquera cousa inspírame. É complexo falar desta inspiración, pero en definitiva –explicou-, a miña obra son eu, a miña personalidade, a miña forma de entender o mundo. Aquilo que penso, que vexo, que sinto”.

Pola súa banda, a artista Amelia Palacios destacou que en O murmurio da auga (Sala Rosalía) reúne varias series de pinturas recentes e explicou que a auga e o murmurio ao que fai referencia o título, “é o nexo, o punto de encontro de gran parte da miña produción artística”. “A auga –sinalou- figura como tema representado, dende o máis evidente nas paisaxes de mar ou en torno ao río Lérez, pero tamén a auga que forma as brumas, as néboas, esas atmosferas densas e cargadas, tan galegas, tan nosas. E a auga tamén como materia pictórica, a miña forma de pintar a base de veladuras, de sucesivas capas de pintura moi diluída en auga, que emprego para conseguir transparencias e sutís matices na luz e a cor”. Palacios sinalou que os efectos da auga na pintura son con frecuencia difíciles de controlar: “Deixa lugar á sorpresa, permíteme descubrir novos camiños –sinala-, mais non todo é azar. Pero a auga, con esas infinitas posibilidades e esa liberdade, é tamén a que me impide caer na obsesión por describir fielmente unha escena, para non afastarme da poesía e poder así escoitar ese murmurio”.

Obradoiro de Ch Sueiro

De forma complementaria Ch Sueiro ofrecerá o 1 de xuño, de 18 a 20 horas, un obradoiro creativo baixo o título “Mar d forma”. As persoas interesadas (hai un máximo de 12 prazas para persoas maiores de 16 anos) poden inscribirse en participa.cultura@depo.es. Trátase dun obradoiro onde a partir da materia devolta polo mar o  alumnado xogará co material atopado para darlle forma e comezar un proceso creativo. O primeiro paso consistirá en que as persoas participantes traian ao obradoiro materia recollida previamente por elas e eles mesmos na praia ou ben nas rochas para, a partir de aí, comezar a explorar.

Galerias de imaxes

videos