#CULTURA

“Alma Madeira Mar”

Exposición de esculturas creadas por Ch Sueiro

Coas madeiras que o mar lles devolve aos cantís e ás praias Ch Sueiro crea pezas de carácter surrealista de pequeno e medio formato, e concibe esta materia prima como un feito plástico en si mesmo, onde a madeira se converte nun pretexto para crear pezas que xorden do imaxinario e do onírico: sereas, barcos náufragos, medusas... Tamén xorden peregrinas e peregrinos para ser contemplados nas súas tres dimensións.

Sala Maruja Mallo. Sede da Deputación en Vigo

Do 9 de maio ao 16 de xuño de 2023

Inauguración: martes 9 de maio ás 19:00 horas

Performance “Corpo Salgado” de Mónica Sueiro e Marta Pérez

Confirmación de asistencia en participa.cultura@depo.es

Obradoiro “MAR D FORMA”


O mundo mar interpretado dun xeito máxico, pero tamén achegado á terra.

A mostra reúne pezas que dialogan en formas que lles dan a man á diferenza, ao accidente e á beleza.

CH Sueiro (Ourense, 1949)

Estudou Belas Artes na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid. Destacan a súa pintura surrealista e a súa pluma, que se inspira fielmente nos gravados ingleses. En escultura traballa a madeira e o ferro para crear pezas de pequeno e gran formato. Nestes últimos anos investiga e traballa as madeiras que o mar lle devolve á terra, e crea con elas as súas series de peregrinas e peregrinos que están por todo o mundo.

Expuxo en galerías de arte e museos de España, e fixo exposicións colectivas en Milán e París.

En 1986 fundou en Ourense a Galería Conde Sueiro, onde, ademais de mostrar a súa obra de xeito permanente, tamén expoñen artistas de diferentes lugares da península e de Europa con gran traxectoria artística. A galería de arte tamén abriu as súas portas en San Lorenzo del Escorial, Baiona, Vigo, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa.