#CULTURA

"O Murmurio da Auga"

Exposición de Amelia Palacios

Amelia Palacios, a través de sutís xogos de luz e cor, invoca a alma da paisaxe galega repleta de misterio, contos e fábulas. Amelia inspírase na poesía e os recordos oníricos que habitan o seu imaxinario. “Transforma o espazo nunha ingrávida atmosfera de suaves luces envolventes e esvaecidos contornos propicios para a fantasía”, escribiu dela Anxeles Penas.

Sala Maruja Mallo. Sede da Deputación en Vigo

Do 9 de maio ao 16 de xuño de 2023

Inauguración: martes 9 de maio ás 19:00 horas

Performance “Corpo Salgado” de Mónica Sueiro e Marta Pérez

Confirmación de asistencia en participa.cultura@depo.es


Dotada dunha sensibilidade xenial, vela pintar é unha sorpresa. A serenidade que transmite a súa obra conséguea con xestos enérxicos e contundentes, mesmo violentos. Nunha loita co lenzo, o esforzo suprime a necesidade vital coa que busca o equilibrio entre a auga, a luz e as brumas. Busca o intanxible.

A auga, elemento vital, creador e posibilitador de vida, é un elemento recorrente na obra de Amelia. Pinta a auga con auga, empapa a tea antes de calquera pincelada. Abstrae as paisaxes diluíndo o pigmento para crear transparencias, deixa que a auga percorra o seu propio camiño, aplica sucesivas veladuras ata conseguir recrear o ambiente acuoso de Galicia. Sen dúbidas, constrúe a luz cos seus pinceis. O mar, as brumas e os ríos entrelázanse nesta exposición, coa auga como común denominador.

Amelia Palacios retrata as paisaxes cunha laboriosa técnica e resultado minimalista, reducindo o superfluo, concentrándose no esencial. Prefire abstraer as paisaxes, non nos condiciona, suxírenos. Libéranos para que cada un de nós cree o seu propio universo, que cada un constrúa a súa propia dimensión. Sen impoñer, é capaz de provocar un diálogo, persoal e íntimo con cada un de nós.

Miguel Cabral.

Amelia Palacios
Rosa García

A obra de Amelia Palacios reflicte a súa procura polo equilibrio poético das atmosferas galegas. Nada en Pontevedra, non sabe dicir cando empezou a pintar. Desde que lembra convive con teas, pinceis e pinturas. 

Aos 17 anos, o seu traslado a Madrid, para estudar arquitectura, afastouna do mar e das brumas, o que crea nela a necesidade de regresar ao ambiente acuoso das rías galegas a través da pintura.

Creadora inquieta, explorou distintos campos artísticos, movéndose entre a ilustración, o deseño, vídeo-arte, arte e natureza e libros de artista, entre outros.

Expón a súa obra con regularidade desde o ano 2005 e mostra as súas creacións en numerosas exposicións individuais e colectivas. Os seus traballos forman parte de coleccións privadas e de institucións.