Luis López anuncia o aumento do crédito do programa Culturea, que mobilizará 1,2 millóns en 2026 para seguir espallando a cultura pola provincia
Durante o ano 2025 programáronse máis de 3.500 actuacións no marco do programa, financiadas con entre 200 e 800 euros segundo as modalidades dos grupos
12/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que o programa Culturea contará en 2026 cun orzamento de 1,2 millóns de euros, “un 50% máis respecto ao que recibía en 2023, cando chegamos ao goberno provincial”, trala aprobación este venres das súas bases na Xunta de Goberno provincial. A través deste programa, a Deputación pon á disposición de asociacións e entidades locais menores da provincia a posibilidade de financiar actuacións de grupos e artistas culturais ao longo de todo o ano.
O presidente provincial lembrou que cada entidade pode solicitar unha actuación do catálogo, formado por propostas de numerosas disciplinas. A relación de grupos pode consultarse no sitio web da Deputación, nun documento en constante actualización. Ademais, as entidades poden solicitar as actuacións durante todo 2026, sempre que haxa crédito dispoñible, co único requisito de que se faga cunha antelación mínima de 15 días previos á súa data de celebración. Os grupos e artistas recibirán da Deputación un importe de entre 200 e 800 euros, segundo a súa categoría.
Luis López amosou a súa satisfacción co funcionamento de Culturea, que “financiou máis de 3.500 actuacións por toda a provincia” durante o ano 2025. Para o presidente da Deputación “ese é o noso obxectivo: que a cultura chegue a todos os recunchos de Pontevedra”. Este é o motivo, tal como sinalou, “de que aumentemos o crédito deste programa e de que a Cultura vaia recibir ata 5,9 millóns de euros en 2026 nos nosos orzamentos”.
