Luis López recoñece a implicación compartida entre a Deputación e a mocidade da provincia pola lectura e a difusión da literatura, da lingua e da cultura galegas

A administración provincial entrega os premios da segunda edición do certame escolar “Canta Rosalía”, con superou os rexistros de participación, nun acto ao que asistiron máis de cincocentos estudantes e mestres de colexios de toda a provincia

23/04/2026

Luis López recoñece a implicación compartida entre a Deputación e a mocidade da provincia pola lectura e a difusión da literatura, da lingua e da cultura galegas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece a afección pola lectura, a cultura e a lingua galega que demostra o alumnado da provincia coa súa ampla participación no certame escolar “Canta Rosalía” que, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Libro, vén de entregar os premios aos traballos gañadores nas distintas categorías deste concurso promovido polo organismo provincial. Un compromiso protección e difusión da cultura, da lingua e das letras galegas que a Deputación demostra tanto con este concurso, como con iniciativas consistentes en encontros con escritores, edicións de obras ou premios literarios. “Queda máis que demostrado que a provincia é unhar canteira de lectores”, proclamou o mandatario provincial nunha xornada celebrada no auditorio Manuel Pérez Matos “Portu” do Centro Príncipe Felipe coa asistencia de máis de 500 estudantes e mestres de distintos colexios da provincia e na que tamén participou o deputado de Cultura e Xuventude, Jorge Cubela.

Esta segunda edición do concurso escolar “Canta Rosalía”, impulsado pola Deputación co obxectivo de render homenaxe a Rosalía de Castro e divulgar a súa obra dun xeito creativo entre a mocidade da provincia, superou todos os rexistros de participación. Divididos en tres categorías segundo a idade dos escolares, presentáronse 30 traballos elaborados por estudantes de 21 colexios de distintos concellos da provincia. Con motivo da conmemoración do Día do Libro, o goberno provincial organizou este xoves o acto de entrega de premios. Na categoría Campaniñas (para estudantes de primeiro a cuarto de Educación Primaria), a proposta gañadora foi a dos estudantes de terceiro curso do colexio Santiago Oliveira de Ponteareas; o segundo posto, para o alumnado de terceiro curso do colexio Manuel Sieiro de Crecente; e dous terceiros postos para os nenos e nenas de primeiro curso dos colexios de Chancelas (Poio) e Igrexa Candeán (Vigo). Na categoría Airiños (para o alumnado do último ciclo de Educación Primaria), o primeiro premio foi para o alumnado de quinto e sexto do colexio Manuel Sieiro de Crecente, o segundo, para os de sexto do colexio da Espiñeira de Aldán (Cangas de Morrazo) e os dous terceiros premios, para os colexios Santiago de Oliveira (Ponteareas) e Petelos (Mos). Na categoría de Fontiñas (para estudantes da ESO), os gañadores foron os alumnos e alumnas de primeiro e segundo do IES de Carril (Vilagarcía de Arousa), o segundo, para os de segundo do IES Alexandre Bóveda (Vigo); e o terceiro; para os de cuarto do IES As Bizocas (O Grove). “Que gusto dá ver este auditorio de Príncipe Felipe cheo de nenas e nenos de toda a provincia! E máis para reivindicar algo tan importante como é a literatura, o poder das palabras e da creación literaria”, dixo o deputado Jorge Cubela para darlle a benvida a todos asistentes a un acto que contou tamén coa actuación musical da banda Xeración M.

“Teño que darvos as grazas pola cantidade e calidade dos traballos que presentastes a este concurso. Nada menos que 30 propostas realizadas en 21 colexios de distintos lugares da provincia”, afirmou o presidente despois da entrega de premios para compartir cos nenos e nedas que asistiron a este acto que “non imos esquecer nunca que celebramos o 100 aniversario do día do libro na Deputación”.

Despois de reiterar o agradecemento aos centros educativos e ao alumnado pola participación neste certame, o presidente Luis López reafirmou o compromiso da Deputación coa cultura. “Usar a nosa lingua, divulgala e coidala é un dos principais obxectivos da Deputación e o motivo polo que organizamos esta xornada”, sinalou o dirixente, quen rematou convidando a toda a mocidade da provincia a que “que sigades lendo, que leades moito, que leades o que vos gusta, o que vos interesa o que vos esperte curiosidade. E se o facedes na lingua galega, moito mellor”.

Galerias de imaxes