Luis López entrega o premio Otero Pedrayo á Coral Polifónica de Pontevedra, unha entidade centenaria que sitúa á provincia como referencia da cultura en Galicia
O presidente da Deputación, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Cultura Jorge Cubela; recoñecen a extraordinaria traxectoria dunha entidade intimamente relacionada co Museo de Pontevedra nunha cerimonia celebrada no Pazo provincial
11/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entrega o Premio Otero Pedrayo á Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra nunha solemne cerimonia celebrada no Salón de Plenos do Pazo provincial na que o mandatario provincial puxo en valor a contribución desta entidade centenaria á protección e difusión da cultura e da música tradicional da provincia e de Galicia.
“É un pracer entregar este galardón á Coral Polifónica de Pontevedra. Unha entidade que cumpre cen anos sendo un axente imprescindible para a cultura desta cidade, desta provincia e de Galicia, unha entidade que é un emblema da nosa sociedade, pois tivo nas súas filas a figuras como Castelao, membro fundador e un dos presidentes da Coral; ou a Filgueira Valverde, xa recoñecido con este premio; e está intimamente relacionada co Museo provincial; e unha entidade que despois de cen anos de actividade segue a ser un potente motor cultural e unha referencia para a música tradicional da provincia e de Galicia. Moitas grazas por permitirnos a todos os pontevedreses desfrutar da vosa música”, declarou o presidente Luis López para dar os parabéns á Coral Polifónica, representada polo seu presidente, Carlos Valle; pola directora, Ninnette Sánchez; e polos seus membros, que deleitaron aos asistentes coa interpretación de tres pezas para pechar o acto.
A cerimonia de entrega dos cuadraxésimos oitavos premios Otero Pedrayo, que entregan cada ano as catro deputacións provinciais galegas, a Xunta de Galicia e a Fundación Otero Pedrayo; serviu como homenaxe á Coral Polifónica de Pontevedra que celebra este ano o seu centenario. Así, despois da benvida do presidente Luis López, a proxección dun vídeo sobre a historia destes galardóns e la lectura da acta do xurado, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, pronunciou unha loa á esta entidade tan estreitamente relacionada co Museo provincial. Acto seguido, os membros da Coral subiron ao escenario para recibir o galardón de mans do presidente provincial Luis López, acompañado polo conselleiro de Cultura, José López Campos, e os deputados de cultura das catro deputacións galegas. O presidenta da Coral Polifónica de Pontevedra, Carlos Valle, foi o encargado de expresar o agradecemento desta entidade antes de dar paso ao conselleiro de Cultura para pechar a cerimonia.
A entrega deste recoñecemento á Coral Polifónica de Pontevedra é unha mostra do patrimonio cultural que atesora a provincia de Pontevedra. “Unha provincia que por extensión pode parecer pequena, pero que ten un patrimonio cultural inmenso que a Deputación nunca deixou, nin deixará, de coidar, divulgar e fomentar. Aí está o Museo de Pontevedra, referente cultural da provincia e de Galicia, que a piques de celebrar o seu primeiro centenario está máis vivo ca nunca, con propostas que baten todos os rexistros e a exposicións das esculturas dos Profetas do Pórtico da Gloria ou a obra mestra de Castelao, ‘A derradeira lección do mestre’, para redondear a conmemoración do 70 aniversario do seu pasamento. Aí está tamén a Bienal de Arte, a máis antiga do país, que regresou este ano con máis forza ca nunca para lanzar desde esta pequena provincia unha poderosa mensaxe de paz en tempos de guerra e aí están as pontes tendidas con todas as entidades culturais e artísticas de dentro e fóra das nosas fronteiras para poñer en valor a nosa arte, cultura e lingua galegas”, declarou o presidente, quen salientou tamén a colaboración de todas as administracións públicas e entidades culturais do territorio para entregar un dos máis prestixiosos galardóns de Galicia.
A acollida este ano da cerimonia que rota cada ano polas catro provincias galegas supón un valioso estímulo para a Deputación para seguir traballando pola protección e difusión da cultura galega. “Que sexa unha entidade tan relacionada coa Deputación e o Museo como a Coral Polifónica danos ánimos e alento para seguir traballando e impulsando a nosa cultura como vimos facendo nos últimos anos”, concluíu o presidente Luis López para reiterar os parabéns e o recoñecemento á Coral Polifónica de Pontevedra, reafirmar o compromiso coa cultura e garantir a colaboración da Deputación nas vindeiras edicións dos Premios Otero Pedrayo.
