Luis López e Rafa Domínguez animan a todos os galegos a contemplar a Derradeira Leición do Mestre de Castelao, un símbolo de memoria, lazos coa diáspora e cultura, que protagoniza unha exposición “histórica” no Museo
O presidente e vicepresidente provinciais convidan a toda a cidadanía a contemplar a obra cumio de Castelao e destacan o fito de expoñer por primeira vez na provincia un dos grandes emblemas da cultura galega, cedido polo Centro Galicia de Bos Aires
26/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez inauguran, no Museo de Pontevedra, a exposición “A Derradeira Leición do Mestre”. Unha mostra histórica á que toda a cidadanía galega está convidada a contemplar a obra cumio de Castelao, un “símbolo”, que estará visible desde este xoves, 25 de xuño, ata o vindeiro 27 de setembro de xeito gratuíto. Trátase dun fito histórico porque é a segunda vez que a obra cruza o Atlántico, porque nunca antes se exhibira na provincia ao carón do debuxo orixinal que custodia o Museo e porque pode que sexa a última oportunidade para ollala en Galicia, xa que a pintura se expón permanentemente no Centro Galicia de Bos Aires, onde Castelao a pintou no seu exilio.
“Hoxe abre unha exposición e tamén finaliza unha particular viaxe. Todos os esforzos de tres anos desta Deputación e a enorme xenerosidade do Centro Galicia de Bos Aires, desembocan neste xoves: o día en que a cidade que Castelao apreciou, o Museo que fundou e o edificio que bautizou reciben a súa obra mestra”, proclamou o presidente Luis López para dar por inaugurada a exposición “A Derradeira Leición do Mestre”, nun acto celebrado no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, ao que asistiron membros do goberno provincial, representantes da Xunta de Galicia e alcaldes e edís dos concellos da provincia, así como o persoal do Museo de Pontevedra, encabezados pola directora Ángeles Tilve, dirixentes do Centro Galicia de Bos Aires e integrantes do sector da cultura e de colectivos da memoria histórica como a Fundación Bóveda ou a Fundación Castelao.
A exposición do cadro “A Derradeira Leición do Mestre” nunha sala na que dialoga cunha selección do legado de Castelao, pois o Museo custodia a máis ampla e completa colección do intelectual nacido en Rianxo, é o epicentro dunha ampla axenda cultural que comezou hai unha semana coa recepción do cadro e rematará o vindeiro 27 de setembro, co peche da exposición e a viaxe de regreso da pintura a Bos Aires. Entre os actos previstos, destacan o xa celebrado seminario “Arte, exilio e memoria: Castelao, A derradeira lección do mestre e a emigración galega en América”, que terá continuidade este sábado cun concerto da Coral Polifónica de Pontevedra e o domingo haberá un acto institucional de conmemoración do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia do 1936. Xa en agosto, o día 17, lembrarase a figura de Alexandre Bóveda polo 90 aniversario do seu fusilamento con motivo do Día da Galicia Mártir. Ademais, ao longo de todos estas semanas, haberá visitas guiadas, obradoiros infantís de verán e actividades complementarias da man das fundacións Bóveda e Castelao.
Un dos artífices, segundo recoñeceu Luis López, de que esta exposición sexa unha realidade é o vicepresidente provincial e máximo responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, quen asegurou que “dentro duns anos, cando se fale da historia do Museo, lembrarase este 25 de xuño como o día na que A Derradeira Leición do Mestre chegou á cidade de Castelao“. Despois de dar as grazas a todas as persoas e entidades que fixeron posible este fito histórico, Domínguez resaltou que esta mostra fala máis do futuro do Museo que do seu pasado. “En menos de tres anos iniciamos unha transformación que marcará un antes e un despois na historia desta institución. Celebramos a exposición temporal máis visitada dos últimos quince anos, recuperamos a Bienal, adquirimos o arquivo familiar de Valle-Inclán e puxemos en marcha Santa Clara, o proxecto cultural e arquitectónico máis ambicioso que se está desenvolvendo hoxe en Galicia. Pontevedra non pode limitarse a conservar o seu extraordinario patrimonio, ten que liderar a cultura galega. A Derradeira Leición do Mestre” é a mellor demostración desa ambición”, reivindicou o vicepresidente.
Homenaxe a Alexandre Bóveda
“Pronunciar un discurso a escasos metros da Derradeira Leición do Mestre roza case a contradición. É tan rotunda e conmovedora a súa mensaxe, que ningunha palabra lle fai xustiza”, iniciou Luis López un discurso no que repasou todas as “leccións” que se poden extraer desta obra, sinalando como a primeira e principal a homenaxe a Alexandre Bóveda. “A obra axiña medra como clamor contra o horror da represión trala Guerra Civil ou chega aos nosos días como vacina contra o esquecemento, sen perder forza na denuncia. Pero antes de todo iso nace como homenaxe ao vil asasinato a Alexandre Bóveda, mártir pola liberdade tan ligado a Pontevedra. Desa derradeira lección derivan as demais. Xusto é lembralo”, afirmou o presidente.
O “símbolo” creado por Castelao que inflúe na diáspora, o galeguismo ou a memoria nace “naquela Galicia ideal de Bos Aires, pero faino exiliado, a salvo da longa noite de pedra. Ao contrario que entón, hoxe a súa obra exponse nunha Galicia libre, unida na pluralidade, próspera, orgullosa da súa lingua, cultura e tradicións. Unha Galicia recoñecida como nacionalidade histórica na España autonómica. Que xa non despide, dá a benvida. Que abraza o regreso dos netos dos emigrantes e conta as visitas por millóns e os acentos por ducias. Unha Galicia, con esta provincia como parte crucial, que nin renuncia ás súas raíces nin pon teito ás súas metas. Como diría Afonso Daniel, neste tempo houbo heroes que trocaron as ideas en feitos. Moitos estiveron e están na Galicia exterior. Xa o fixen en Bos Aires e Montevideo, e a eles me volvo dirixir en Pontevedra de novo, aproveitando a presenza dos seus representantes”, declarou López antes de reiterar o agradecemento a todos os galegos “bos e xenerosos” da diáspora, cunha mención especial para os responsables do Centro Galicia de Bos Aires e enviar os mellores desexos aos que están a sufrir as consecuencias dos terremotos en Venezuela.
Patrimonio de todos os galegos
“O cadro constitúe unha peza central do noso mellor patrimonio: é, por tanto, propiedade de todos os galegos sen excepción de ningún tipo. Ou coa cultura galega, que sempre está inacabada, e na que sempre hai espazo. A mesma sa ambición coa que logramos esta exposición histórica, explica tamén o impulso que nos levará a integrar Santa Clara no Museo, a compra do arquivo de Valle-Inclán ou a que nos levou a recuperar a Bienal máis antiga de España”, aseverou o dirixente.
“Débolle a Pontevedra o mellor da miña vida”, concluíu Luis López con outra cita de Castelao para reiterar o convite a toda a cidadanía galega e a todos os que visiten a provincia a un Museo que será ata o vindeiro 27 de setembro centro de peregrinación para milleiros de persoas que desexen contemplar o talento, o compromiso e a sensibilidade do mestre de Rianxo.
