A Deputación leva este domingo a Mos o programa provincial +Música cunha actuación baseada na tradición oral galega
Chavellos Sinfónico actuará no Centro Dotacional de Torroso ás 19:00 horas
11/12/2025
A Deputación de Pontevedra leva o próximo sábado 20 de decembro a Mos un concerto baseado na tradición oral galega e enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora na programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e na difusión e fomento da lingua e cultura galegas. A actuación terá lugar no Centro Dotacional de Torroso ás 19:00 horas.
Chavellos Sinfónico, premio Martín Códax da Música no 2024 na categoría de bandas de música popular, presenta o proxecto “Segunda-feita”. Este espectáculo, cunha sonoridade inconfundiblemente atlántica, mestura a tradición oral galega con outras culturas e coa vangarda. As persoas asistentes ao concerto de Mos poderán desfrutar de temas do seu segundo disco e dunha selección dalgúns do primeiro traballo, que combinan instrumentos tradicionais como as zanfonas, acordeón e percusión, con outros contemporáneos como a gaita midi ou os samplers.
O concerto de Chavellos Sinfónico é unha das 78 actuacións de +Música que se veñen celebrando este ano nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.