A Deputación mantén aberto ata o mércores 1 de xullo o prazo para presentar candidaturas aos premios Mulleres no Foco

A Deputación en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) entregará un total de tres premios para recoñecer as mulleres profesionais da industria audiovisual galega valorados en 5.000 euros cada un 

27/06/2026

Gala Mulleres no Foco 2025

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o mércores 1 de xullo o prazo para presentar candidaturas á sexta edición dos premios Mulleres no Foco. Trátase dunha iniciativa posta en marcha en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) para poñer en valor o traballo das mulleres no audiovisual galego a través de tres premios valorados en 5.000 euros cada un.

En liñas xerais, os premios recoñecen a achega destacada de mulleres profesionais no audiovisual galego, preferentemente a través dunha obra realizada e presentada ou dun labor profesional especialmente salientable levado a cabo durante o 2025. Tamén pretenden recoñecer unha traxectoria profesional consolidada, así como o talento emerxente ou o papel das pioneiras que abriron camiño no sector audiovisual. 

As candidaturas aos Premios Mulleres no Foco serán presentadas polas persoas que formen parte do xurado dos premios ou polas entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego que pola súa natureza ou obxectivos estean relacionadas co sector audiovisual. O prazo para presentalas remata este mércores 1 de xullo e quedan excluídas as mulleres recoñecidas en edicións anteriores, isto é: Beatriz Legerén, Lucía Veiga e Silvia Fuentes, en 2025; Lidia Fraga, Nati Juncal e Jaione Camborda, en 2024; Marina Carballal, María Vázquez e Beli Martínez, en 2023; Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira, en 2022; e Margarita Ledo, Noemí Chantada e Sonia Méndez, en 2021.

Os sextos Premios Mulleres no Foco serán entregados nun acto público no que se porán en valor tanto a traxectoria das premiadas como o papel destacado das mulleres no sector audiovisual. O pasado ano entregáronse o 17 de outubro na sede de Afundación de Pontevedra nunha gran gala conducida pola actriz Lucía Veiga, recoñecida cun dos galardóns, que contou coa actuación musical de Guadi Galego e Margarida Mariño.