A Deputación analiza o próximo martes no Museo de Pontevedra a evolución da visibilización das mulleres artistas en España

A comisaria e crítica de arte Isabel Tejeda trazará un percorrido desde as exposicións de mulleres artistas aos proxectos curatoriais feministas

11/04/2026

A Deputación analiza o próximo martes no Museo de Pontevedra a evolución da visibilización das mulleres artistas en España

A Deputación programou no Museo de Pontevedra para o próximo martes 14 de abril ás 19:00 h no Edificio Castelao a conferencia “Das exposicións de mulleres artistas aos proxectos curatoriais feministas en España”, que impartirá Isabel Tejeda Martín. A comisaria e crítica de arte completará o seu paso por Pontevedra cun obradoiro que realizará ao día seguinte na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

A conferencia céntrase na evolución da visibilización das mulleres artistas dentro do panorama artístico español. A súa intervención abarca desde os primeiros esforzos para darlle visibilidade ao traballo das mulleres no campo da arte ata a consolidación de proxectos curatoriais feministas que teñen como obxectivo desafiar as estruturas patriarcais e promover a equidade de xénero nas galerías e nos museos.

Na mañá do mércores, Tejeda impartirá en Belas Artes un obradoiro centrado na montaxe de exposicións, dirixido ao estudantado do Máster en Creación Artística Contemporánea. Esta sesión formativa insírese nas actividades da materia Estudos Abertos II, que se completa coa organización por parte do alumnado dunha exposición dos seus traballos na Sala O Abrigo deste centro. Tejeda protagonizará unha sesión práctica dirixida a achegarlles diferentes formas de abordar a montaxe expositiva e o taller levarase a cabo na propia sala de exposicións.

Isabel Tejeda Martín (Madrid, 1967) é comisaria e crítica de arte. Na actualidade é catedrática da Universidade de Murcia e membro dos consellos asesores do IVAM, de Valencia, e do MUCAC, de Málaga. As súas liñas de investigación son a expografía e narracións da arte contemporánea; historia das exposicións e os museos; historia das mulleres, feminismos e arte contemporáneo; e a arte popular.