A Deputación leva este venres 10 de xullo a Soutomaior unha actuación da banda De Ninghures
O espectáculo terá lugar no peirao de Arcade ás 21:30 horas ao abeiro de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
08/07/2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 10 de xullo a Soutomaior un concerto da banda De Ninghures enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no peirao de Arcade a partir das 21:30 horas no marco dos Concertos de Verán, onde actuarán tamén as bandas Talco e 9Louro.
De Ninghures é unha banda do novo folk galego con instrumentos orgánicos e un repertorio tradicional con claras influencias das músicas doutros pobos da península ibérica, a América latina ou o Magreb. A formación ofrecerá unha experiencia musical auténtica que enraíza a tradición galega cunha perspectiva global, moderna e actual.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.