Pablo Lesuit, Maryland, Carla Lourdes, Míriam Rodríguez, Fredi Leis e Sabela porán o acento galego ao Galicia Fest

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, confesa que o anuncio realizado este martes “é o que máis ilusión me fai persoalmente”

17/02/2026

Novas incorporacións ao cartel do Galicia Fest 2026

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este martes novas incorporacións ao cartel do Galicia Fest 2026. Pablo Lesuit, Maryland, Carla Lourdes, Míriam Rodríguez, Fredi Leis e Sabela porán o acento galego á segunda edición do festival, que deste xeito ten case completo o seu elenco de grupos e artistas.

O propio Porto de Vigo foi o escenario elixido para dar a coñecer "aos representantes da nosa terra" que se subirán ao escenario do Peirao de Transatlánticos os días 26 e 27 de xuño. Antes de gozar dunha pequena actuación en directo de Pablo Lesuit, Luisa Sánchez avanzou que o músico vigués, Maryland, Míriam Rodríguez e Sabela tocarán durante a xornada do venres. Mentres, Carla Lourdes e Fredi Leis tomarán o relevo o sábado.

Acompañada da delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e do director do festival, Antonio Casal, a vicepresidenta provincial confesou que este anuncio "é o que máis ilusión me fai persoalmente de todo o cartel do festival". Do mesmo xeito, salientou a "calidade artística" de todos estes músicos vigueses e do resto de Galicia, que foron incluídos "a carón dos cabezas de cartel". "Non os sacamos da ecuación para montar un evento paralelo: están onde deben estar, no corazón mesmo do espectáculo principal", sinalou.

Ademais de agradecer a "aposta" da Xunta pola música en directo en Vigo e polo fomento do talento local a través da cultura, Luisa Sánchez puxo en valor a "receptividade e colaboración" de Antonio Casal para que o cartel deste ano teña máis acento galego e máis música local. "O ano pasado pedinllo, recolleu a proposta e cumpriu a súa palabra", destacou a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra.

Cómpre salientar que seis dos catorce nomes que conformarán o cartel son de Vigo ou de Galicia. Únense a La Reina del Flow, Álvaro de Luna, Juan Magán, Taburete e Marlena.

A representante provincial tamén informou de que a venda de entradas avanza "a bo ritmo" e avanzou que o cartel completo coñecerase "pronto".

Oferta variada

Pola súa banda, Ana Ortiz resaltou a "importancia" de ter representación viguesa e galega no festival e incidiu no desexo da Xunta de Galicia de que a cidade sexa o "epicentro" dunha variada oferta musical e cultural. Así o demostran eventos apoiados polo goberno autonómico coma o Galicia Fest, o Underfest, o Festival MusicaV, o One Dance Festival ou Vigo Porté. Nesta liña, recordou que o Goberno autonómico ten preparada "outra grande sorpresa" para a cidade, que se anunciará proximamente.

Por último, Antonio Casal subliñou que "unha das máximas prioridades" da organización do Galicia Fest para esta edición era "localizar" o evento. "Son seis nomes que suman prestixio e talento ao noso festival. Estamos moi contentos de terlles con nós", apuntou tras informar de que La Reina del Flow está a preto de esgotar as entradas dispoñibles para toda a súa xira en España.

Galerias de imaxes