Luisa Sánchez reivindica a aposta da Deputación polo balonmán durante a recepción á selección española masculina en Vigo
07/11/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, recibiu este sábado no Ifevi á selección española masculina de balonmán, que este domingo se enfrontará a Portugal en encontro oficial da EHF Euro Cup. Durante o acto, a responsable provincial agradeceu a presenza da selección na cidade olívica e subliñou que recibir os Hispanos supón unha ocasión para achegar aínda máis este deporte á cidadanía.
Luisa Sánchez puxo en valor a aposta da institución provincial polo balonmán, que sitúa a Pontevedra entre as provincias que máis apoian este deporte en España. Neste sentido, lembrou o respaldo a equipos de elite como o BM Cangas, o Atlético Guardés e o Conservas Orbe Zendal Porriño, así como a celebración hai apenas dous meses da Supercopa Ibérica masculina, a Supercopa de España feminina e a Gala do Balonmán Feminino. Tamén defendeu que o compromiso da Deputación abrangue o deporte de base, con iniciativas como os torneos de balonmán 5x5 na rúa dirixidos ás categorías inferiores.
