Esgotadas as prazas para participar no Roteiro Literario en Moaña organizado pola Deputación e a AELG

O percorrido será guiado por Anna R. Figueiredo e explorará dende o Auditorio Celso Parada diferentes espazos da vila reivindicando a persoa lectora como protagonista da ficción narrativa

17/05/2023

En só cuestión de horas tras abrir o prazo de inscrición, o Roteiro Literario organizado en Moaña pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de esgotar as 25 prazas dispoñibles. Este paseo cultural terá lugar o vindeiro 4 de xuño da man da escritora Anna R. Figueiredo baixo o título ‘Aconteceu en Moaña’. Trátase dunha actividade coa que ambas as dúas institucións dan a coñecer as cidades e vilas da provincia da man de autoras e autores do país que exercen de guías baseándose en obras literarias –propias ou alleas– ambientadas en espazos da xeografía provincial

O percorrido guiado por Anna R. Figueiredo partirá desde o Centro Sociocultural Daniel Castelao (Auditorio Celso Parada) e fará distintas paradas pola vila do Morrazo para revisar grandes obras que aconteceron, acontecen e acontecerán en Moaña, mar de ficcións. A autora reivindicará no roteiro a persoa lectora como protagonista da ficción narrativa e o dereito da literatura a converter o concreto no universal á vez que tamén experimenta o universal no concreto.

Nesta sexta edición dos Roteiros Literarios da Deputación e a AELG celébranse cinco actividades durante as fins de semana de xuño, cun total de 125 prazas (25 por cada un) e en horario de 11:30 a 13:00 horas. Ademais do roteiro de Moaña, celebraranse outro o sábado 3 de xuño en Vigo, guiado pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro; o domingo 11 de xuño o ‘Roteiro Literario Vilagarcián’ co autor e pintor Xurxo Alonso; o 18 de xuño da man de Adolfo Caamaño en Pontevedra co roteiro ‘O espazo urbano pontevedrés como materia literaria’ e finalmente o domingo 25 de xuño cun ‘Roteiro histórico-literario por Lalín’ guiado polo investigador Xoán Carlos García Porral.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.