Os “Roteiros Literarios” da Deputación e a AELG rematan este domingo en Lalín da man do profesor e investigador Xoán Carlos García Porral

O Roteiro, con todas as prazas esgotadas, fará a partir das 11.30 horas un percorrido histórico-literario pola vila dende a igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba

23/06/2023

Tras pasar por Vigo, Moaña, Vilagarcía e Pontevedra, os Roteiros Literarios, promovidos pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) chegan ao seu fin este domingo en Lalín. O profesor e investigador Xoán Carlos García Porral, nado en Cotarelo (Goiás, Lalín), será o encargado de guiar o itinerario “Roteiro histórico-literario por Lalín”, ligando diferentes escenarios da vila con historias de personaxes históricos vinculados a ela. O percorrido comezará ás 11.30 horas na igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba e as prazas están todas esgotadas.

Trala saída da igrexa de San Martiño, o itinerario transcorrerá pola estatua de Ramón María Aller Ulloa e tamén pola estatua de Joaquín Loriga. A continuación achegarase ata o Museo Municipal Aller Ulloa e o Castro Tecnolóxico, onde rematará.  García Porral, fillo de pais labregos e doutor en Antropoloxía Social, será o encargado de liderar ás persoas participantes no percorrido. O profesor e intelectual ten analizado o proceso de modernización ao que se viu sometido o sector agropecuario desde a década de 1960 e como na actualidade as comunidades rurais tentan manter a súa identidade social e cultural a través da permanencia dos antigos espazos agropecuarios. Como investigador ten publicado artigos de materia histórico-antropolóxica e como profesor de secundaria ten impulsado proxectos relacionados con lendas e toponimia. Leva impartidas unha trintena de charlas sobre os cambios sociais no rural e o patrimonio material e inmaterial castrexo e é membro da Asociación Galega de Antropoloxía así como colaborador do proxecto de recompilación de toponimia Galicia Nomeada.

Os “Roteiros Literarios” da Deputación e a AELG espalláronse durante o mes de xuño polos concellos de Vigo, Moaña, Vilagarcía, Pontevedra e Lalín, onde rematarán este domingo, coa participación de ata 125 persoas en total.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.