A Deputación leva este sábado a Valga un espectáculo de rock e folk a cargo do Bruxo Queiman
O espectáculo forma parte do programa Son Verán e terá lugar no parque Irmáns Dios Mosquera ás 23:00 horas no marco da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País
26/08/2026
A Deputación de Pontevedra organiza este sábado 29 de agosto en Valga un espectáculo de música folk e rock a cargo do Bruxo Queiman no marco do circuíto cultural Son Verán. “Queiman Folk” terá lugar na praza Irmáns Dios Mosquera, a partir das 23:00 horas, e tamén forma parte da programación cultural de Valga co gallo da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
O espectáculo “Queiman Folk”, que mestura música rock e folk cunha aposta escénica, é unha creación artística única en Galicia. O Bruxo Queiman está acompañado por un equipo de músicos, cantantes e corpo de baile cunha longa traxectoria en escenarios de Galicia, Portugal e o resto do territorio nacional, que destacan pola súa capacidade para fusionar o folk celta galego coa enerxía do rock nunha proposta que combina música ao vivo, danza, teatralidade e o elemento simbólico do lume. O espectáculo nace coa vontade de representar a identidade galega contemporánea, mantendo vivas as súas tradicións a través dunha presentación moderna, dinámica e altamente emocional. A combinación de música, escenografía e parte teatral e narrada convérteno nun espectáculo singular, cun forte vínculo co territorio e unha boa mostra da cultura e tradicións galegas.
Con Son Verán a Deputación afronta a segunda metade do período estival levando por toda a provincia unha programación cultural de calidade, co obxectivo de espallar a oferta cultural e musical provincial con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos e pola propia Deputación. Os espectáculos encádranse en catro grandes bloques: ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo. En total ofreceranse 13 actuacións en 8 comarcas da provincia, con especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Son Verán comezou o 24 de xullo co concerto de Gabriel Fandi, e en agosto chegará aos concellos de Vilanova de Arousa, Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Forcarei, Ribadumia e Valga. Ademais do concerto “Queiman Folk”, o espectáculo de ópera e música clásica “Querida Montserrat, querido Luciano” de ÓperaConcert puido desfrutarse en Vilanova de Arousa, Caldas de Reis e Forcarei, e Laroá actuará o día 30 na praza do Concello de Ribadumia.
En setembro, Son Verán chegará a Cangas de Morrazo, A Guarda, Marín, As Neves, O Porriño e Redondela. Na Guarda terá lugar o día 3 un concerto de Laroá, e Roi Casal poderá escoitarse o 13 de setembro na praza do Concello das Neves e proximamente en Redondela. Ademais, terán lugar dous concertos de Carlos Núñez, no auditorio municipal de Marín e no porto de Aldán de Cangas de Morrazo. Son Verán rematará o seu percorrido polos concellos o 26 de setembro coa representación de “Queiman Folk” no Porriño.