A Deputación remarca a mellora das condicións laborais do Consorcio Provincial de Emerxencias e a posta en marcha das primeiras axudas para agrupacións de Protección Civil
Neste mandato, aprobouse a Relación de Postos de Traballo e convocáronse prazas no cadro de persoal do Consorcio Provincial de Emerxencias, así como se investiu na reforma e modernización das instalacións dos parques comarcais, dotándoos de vehículos e equipamentos máis modernos
19/07/2026
A Deputación de Pontevedra remarca a posta en marcha da primeira liña de axudas para agrupacións de Protección Civil e a mellora das condicións de traballo do Consorcio Provincial de Emerxencias nestes tres anos de goberno de Luis López. “En emerxencias herdamos unha folga e logramos parala, activando un diálogo continuo coas forzas sindicais para aprobar unha Relación de Postos de Traballo e convocar prazas”, subliñou o presidente.
“Cando falamos de seguridade, temos traballado con intensidade, coa mirada posta na xente, garantindo mellores servizos, máis eficaces, equipados e modernos”, remarcou o deputado provincial Alejandro Lorenzo quen engadiu que “traballar en seguridade nos concellos da provincia supón tamén traballar na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”.
Neste eido, o deputado provincial recordou que por vez primeira na historia da Deputación de Pontevedra se activaron axudas dirixidas a agrupacións de Protección Civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes, ás que xa se destinaron, en total, 200.000 euros e que beneficiaron na súa primeira edición a un total de 22 entidades.
Ademais, para Lorenzo, “aprobar o primeiro convenio colectivo e a primeira relación de postos de traballo para o persoal do Consorcio Provincial de Emerxencias e Salvamento da provincia foi un fito histórico”, ao que hai que engadir, tal e como recordou, os investimentos dirixidos a proxectos para reformar e modernizar as instalacións dos parques comarcais e tamén para dotalos de vehículos e equipamentos máis modernos.
