A Deputación aproba as bases de Rías Baixas Acción, a liña de patrocinios de producións audiovisuais dotada con 170.000 €
Luis López: “Queremos seguir promovendo a nosa industria audiovisual para posicionala como un produto cultural capaz de atraer visitantes e proxectar a nosa provincia no exterior”
19/06/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu hoxe luz verde ás bases de Rías Baixas Acción, a liña de patrocinios de producións audiovisuais dotada con 170.000 euros, que o pasado ano permitiu financiar un total de 13 proxectos. O presidente provincial Luis López remarcou que o obxectivo é “seguir promovendo a nosa industria audiovisual para posicionala como un produto cultural capaz de atraer visitantes e proxectar a nosa provincia no exterior”.
Estas axudas ás producións audiovisuais contan con dúas liñas: a primeira, dotada con 100.000 euros para o patrocinio de curtas, longametraxes (cunha duración mínima de 60 minutos) e series (de, como mínimo, 300 minutos); e a segunda, con 70.000 euros para documentais de longa duración (máis de 40 minutos), curtas documentais e pódcasts documentais (mínimo de 150 minutos).
As entidades solicitantes poderán presentar ata dous proxectos á convocatoria e as axudas oscilan entre os 3.000 euros e os 25.000 euros, segundo o produto audiovisual. Deste xeito, destinaranse 3.000 euros aos pódcasts documentais e curtas documentais, 3.500 euros ás curtametraxes, 7.000 euros ás documentais de longa duración, 15.000 euros ás series e 25.000 euros ás longametraxes. En todo caso, a achega nunca poderá exceder o 50% do orzamento total.
