A Deputación aproba un novo investimento de 1,6 millóns de euros en achegas do Plan Concellos para dez municipios da provincia

Baiona, Cangas, A Estrada, A Illa de Arousa, Marín, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Silleda e Vilanova recibirán recursos provinciais para financiar investimentos e afrontar o pago de gastos correntes e actividades socioculturais

24/02/2023

Xunta de Goberno, aprobación do Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar novos recursos do Plan Concellos por 1,6 millóns de euros que beneficiarán a dez municipios da provincia. Trátanse de once achegas das Liña 1 de Investimentos e da Liña 2 de pago de gastos correntes e financiamento de actividades socioculturais, que nesta quenda van parar aos concellos de Baiona, Cangas, A Estrada, A Illa, Marín, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Silleda e Vilanova de Arousa.

No que se refire á Liña 1 de Investimentos, aprobáronse catro achegas por preto dun millón de euros, das que a de maior contía corresponde ao concello da Estrada, que recibirá 450.964€ para financiar as obras de arranxo de camiños en Oca, San Xurxo, Santo André de Vea e Arca. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor que nos últimos oito anos de mandato “non hai camiño arranxado na Estrada que non fose executado con fondos da Deputación”. Tamén aludiu á importante achega que recibirá Vilanova de Arousa (387.315€) para o reforzo de firme de viarios municipais, lamentando que “este é o único concello que nunca recoñece que as grandes transformacións que se están a facer son tamén con fondos da Deputación”. O resto das achegas son para Pontecesures, de 62.160 € para financiar as obras de mellora no parque infantil da rúa Carles e para O Porriño, que recibirá 77.967€ para costear a ampliación da rede de saneamento en Atios.

Por outra banda, da Liña 2 a Xunta de Goberno deu luz verde a sete achegas, entre elas a de 75.000€ que recibirá Marín para a financiación da Festa Corsaria deste ano. Na relación están tamén Baiona, que recibirá 87.338€  para gastos correntes de actividades sociais e culturais; Cangas, que contará con 96.900€ para costear o tratamento de residuos sólidos urbanos; A Illa de Arousa, cunha achega de 131.657€ para financiar o gasto corrente da prestación de servizos municipais; O Porriño, que recibirá 88.499€  para o financiamento de actividades sociais; Redondela, con 100.339 €  afrontará gasto corrente da prestación de servizos municipais e por último Silleda, que contará con 78.122€ para a financiación parcial do servizo de recollida e transporte de residuos urbanos.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.