A Deputación financia actuacións por valor de preto de 110.000 € na Estrada cos recursos do Plan Concellos

Os traballos permitirán mellorar os accesos ao núcleo de Loureiro de Abaixo, Barco (Couso) e realizar arranxos para solucionar deficiencias en edificios municipais

20/06/2023

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos investimentos por valor de preto de 110.000 euros para que A Estrada poida financiar melloras nos accesos a núcleos rurais e arranxos para solucionar deficiencias en edificios municipais. Os recursos, que se enmarcan na dotación que a institución contempla para a vila no marco do Plan Concellos, van dende os 29.000  €  para os accesos ao núcleo de Loureiro de Abaixo, en San Xurxo de Vea, ata os preto de 30.000 € que se destinarán a sufragar as deficiencias na Sede Municipal de Emerxencias e na fachada do Novo Mercado e os máis de 48.000 € cos que se acondicionarán os accesos ao núcleo de Barco, en Couso.

Os traballos  en Loureiro de Abaixo, en San Xurxo de Vea, teñen unha duración estimada dun mes e consistirán na pavimentación da vía e na formación de cunetas remontables. As obras, que abranguen unha lonxitude estimada de arredor de 300 metros, permitirán mellorar a accesibilidade a este núcleo rural, tanto para a súa veciñanza como para os distintos servizos, tanto comerciais como públicos (por exemplo, vehículos de emerxencias), que necesitan transcorrer por este núcleo.

Pola súa banda na sede do Servizo de Emerxencias e no  Novo Mercado executaranse arranxos nun prazo estimado dun mes e que permitirá solucionar diferentes deficiencias nos inmobles. No caso da Sede de Emerxencias, actuarase na cuberta, que na actualidade presenta unha serie de problemas de estanquidade que fan precisa unha intervención profunda de impermeabilización e substitución de remates. Repararanse gretas, lavarase a cuberta, aplicarase fixador e pintado e repararase o perímetro con fibra de vidro. No que se refire ao Novo Mercado, acometerase un lavado profundo da fachada oeste, para eliminar a sucidade causada por musgos e liques e a aplicación de produtos reparadores e impermeabilizantes.  Para elo aplicarase un deterxente antiverdín amais dun lavado a baixa presión con aplicación de químico antibranquecido e de hidrofugante ou equivalente.

Finalmente, na parroquia de Couso, as partidas provinciais financiarán a mellora dos accesos ao núcleo rural de Barco tamén cun prazo de execución dun mes. Actualmente o acceso á aldea está moi deteriorado o que provoca que o paso dos veciños e veciñas, profesionais do reparto, vehículos de emerxencias e outros se vexa dificultado. A través da actuación pavimentarase a estrada, instalarase un colector para as redes fluviais baixo o viario municipal e sumidoiro, reixas transversais e pozos de rexistro.