+deporte
Axudas para medios de transporte destinados a actividades deportivas
O deporte é unha actividade de interese xeral, recoñecida pola Deputación de Pontevedra como unha ferramenta esencial para o benestar físico e emocional, a inclusión social, a promoción de hábitos saudables e a transmisión de valores fundamentais como o esforzo, o respecto e a cooperación. Como a provincia do deporte, o noso compromiso vai alén da competición, apostamos por facilitar todas as condicións necesarias para a súa práctica.
A realidade deportiva, especialmente no ámbito competitivo, implica unha necesidade constante de medios de transporte que garantan a mobilidade eficiente e segura de deportistas e entidades. Facilitar esta mobilidade contribúe directamente a mellorar as condicións nas que se desenvolven as distintas modalidades deportivas e ao óptimo rendemento das e dos nosos atletas.
Por primeira vez, a Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo de Deportes, lanza unha liña de subvencións para sufragar os custos derivados da adquisición ou adaptación de vehículos e medios de transporte destinados especificamente á actividade deportiva. Esta medida reafirma o compromiso da institución co fomento e desenvolvemento do deporte na provincia como un alicerce estratéxico na nosa xestión.
O obxectivo principal destas axudas é facilitar os desprazamentos necesarios para participar en adestramentos, competicións e outras actividades deportivas. Con esta iniciativa preténdese mellorar as condicións de mobilidade e promover unha práctica deportiva segura, estruturada e accesible para todas e todos os deportistas da provincia, con especial atención ás necesidades específicas das persoas con discapacidade, garantindo así a igualdade de oportunidades.