Encontro Pontevedra literaria. Xuventude e artes

Charla con Paloma Sánchez-Garnica

Primeira actividade 2026

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, organizou nos anos 2024 e 2025 o encontro literario e artístico Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, debido ao notorio aumento de solicitudes de participación na categoría de traballo literario breve dos Premios Provinciais á Xuventude, o que denota un especial interese polas iniciativas de creación literaria e artística.


Participaron neste encontro, como relatoras e relatores, autoras e autores de mérito internacional coma Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ángela Banzas, Santiago Gamboa, Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois, entre outros.

Como preámbulo deste evento, e como primeira actividade da terceira edición, o próximo venres 27 de febreiro de 2026 terá lugar, ás 19:30 horas, no salón de plenos do Pazo provincial, unha charla literaria que impartirá a escritora Paloma Sánchez-Garnica.

Alén desta primeira actividade, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, ten previsto organizar outras actividades arredor da escrita e dos Premios Provinciais á Xuventude co fin de poñer en valor e visibilizar o talento xuvenil.

En marzo de 2026 publicarase a décima convocatoria dos mencionados premios. Esta é unha grande ocasión para impulsar iniciativas e actividades literarias que poñan en valor o talento artístico da mocidade da provincia.


PALOMA SÁNCHEZ-GARNICA

Paloma Sánchez-Garnica (Madrid, 1 de abril de 1962) é unha prestixiosa escritora española de novelas de xénero histórico.

Nas súas obras mestura thriller e misterio, e combina, á vez, pasado e presente. Publicou o seu primeiro libro, El gran arcano, no ano 2006.

Paloma é licenciada en Dereito e Xeografía e Historia. Iniciou a súa carreira laboral como avogada, traballo que abandonou posteriormente para dedicarse á súa verdadeira paixón: os libros e a literatura.

Desde o seu debut en 2006 con El gran Arcano, a autora publicou a maioría das súas obras en Planeta. Algunhas das súas primeiras novelas máis famosas publicadas pola mesma editorial son La brisa de Oriente (2009), El alma de las piedras (2010) ou Las tres heridas (2010).

Paloma afirmou nas súas entrevistas que, á hora de escribir, prefire deixarse levar polas e polos seus personaxes, tentando coñecelos a fondo e escoitando a historia que teñen que contar. O obxectivo é deixar que tomen todo o protagonismo, pois sente un respecto reverencial cara a eles, segundo palabras da propia novelista.

No ano 2012, a novela de Sánchez-Garnica La sonata del silencio converteuse nunha serie de televisión de nove capítulos emitida pola Televisión Pública Española, creada por Peris Romano, Iñaki Peñafiel e Jorge Lara.

En 2016 recibiu o Premio de Novela Fernando Lara pola súa obra Mi recuerdo es más fuerte que tu olvido, publicada ese mesmo ano, galardón que a axudou a gañar visibilidade e recoñecemento no mundo das letras.

En 2019 publicou La sospecha de Sofía e en 2021 foi finalista do Premio Planeta pola súa novela Últimos días en Berlín, proposta orixinalmente baixo o título Los hijos de la ira.

Ser finalista do Premio Planeta é un dos fitos máis importantes da súa carreira; ela mesma asegura vivir aquel momento da maneira máis consciente posible para saborealo ao máximo, sabedora de que é unha forma de chegar a persoas que, pola contra, quizais non chegasen a coñecer a súa obra. Á hora de recoller o premio compartiu escenario con autoras e autores tan prestixiosos coma Javier Sierra, Dolores Redondo ou María Dueñas.

En 2024 foi proclamada gañadora do Premio Planeta na súa 73.ª edición con Victoria.

Victoria, segundo a súa autora, é unha novela situada no Berlín en ruínas posterior á II Guerra Mundial, onde se desenvolve unha complexa trama de espionaxe e na que, ao tempo, tenta reflexionar sobre como o odio, os prexuízos e o racismo se transmiten de xeración en xeración.

A novela gañadora do Premio Planeta 2024 móstranos un retrato impactante da azarosa vida de persoas que sufriron de primeira man as consecuencias das grandes decisións políticas.

Recentemente terminada a II Guerra Mundial, nun Berlín arrasado e sen futuro aparente, Victoria sobrevive cantando cada noite no club Kassandra. A pesar de ter unha mente prodixiosa, capaz de crear un poderoso sistema de cifrado de mensaxes, a súa filla Hedy e a súa irmá Rebecca dependen dese mísero soldo para sobrevivir.

Unha chantaxe sen escrúpulos por parte dos rusos obrigará a Victoria a viaxar soa aos Estados Unidos, onde, con todo, gozará do amor incondicional do capitán Norton. Alí descubrirá que a que parecía a sociedade máis democrática do mundo esconde unha rancia capa de racismo e inxustizas da man do Ku Klux Klan e do senador McCarthy.

Unha novela grandiosa na que os resentimentos, a dor da perda e as decisións difíciles serán superados grazas á coraxe de personaxes que loitan firmemente por defender o que máis aman.

Formulario de inscrición charla literaria