Luis López confirma a aprobación de 1,75 millóns de euros do Plan +Provincia para 8 concellos da área de Vigo e o sur da provincia

O presidente provincial detallou que se trata de recursos da liña 1 de investimentos, que chegarán aos concellos de Crecente, Oia, Baiona, O Porriño, Salvaterra de Miño, A Guarda, Tomiño e Salceda de Caselas.

22/05/2026

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar 1,75 millóns de euros da liña 1 do Plan +Provincia a nove concellos da zona de Vigo e do sur da provincia. O presidente Luis López detallou que son 70.000 € para Crecente, 80.000 € para Oia, 160.000 € para O Porriño, 175.000 € para Salvaterra de Miño, 225.000 € para A Guarda, 260.000 € para Tomiño, 375.000 € para Salceda de Caselas e 380.000 € para Baiona.

En concreto, os 70.000 € que recibe Crecente permítenlle cubrir a achega municipal do Plan Extra 2025, polo que a institución provincial financia ao 100% o orzamento de 400.000 € da humanización e mellora do acceso ao núcleo de Corga, na parroquia de Sendelle, onde se procederá ao ensanche da vía municipal e a execución dunha zona de aparcamento, ademais de executar novas redes de pluviais e de alumeado, entre outras actuacións. No caso de Oia, os 80.000 € que recibe tamén cobren a achega municipal do Plan Extra 2025, que ten un orzamento de 450.000 €. O proxecto consiste na ampliación e mellora da contorna da Praza do Campo, incluíndo a urbanización con espazos accesibles e seguros e a instalación de zonas de xogo infantís, e a rehabilitación dunha vivenda municipal para albergar servizos comunitarios polivalentes.

Pola súa banda, a Deputación aprobou 160.000 € para O Porriño para financiar un muro na escola infantil de Pontellas co fin de ampliar a superficie útil de espazo para o desenvolvemento de actividades lúdicas. Ademais, Salvaterra de Miño recibe 175.000 € para financiar a achega municipal do proxecto de renovación de instalacións no pavillón municipal Cándido Carrera, que inclúe o cambio do pavimento, a renovación de canlóns e baixantes, a instalación dunha nova cortina divisora de pista, a mellora do sistema de ventilación e renovación de aire e a instalación de novo mobiliario. Neste caso trátase dun proxecto que financia na súa totalidade á Deputación grazas a outra achega de 140.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

No caso da Guarda, contará con 225.000 € do Plan +Provincia para financiar a achega municipal da nova zona deportiva da Sangriña, que recibira xa outros 675.000 € do Plan Extra 2025. Deste xeito, tal e como confirmou o presidente provincial, esta primeira fase do proxecto, que inclúe a demolición de edificacións existentes, urbanización e acondicionamento do terreo, remodelación dunha edificación e execución de dúas pistas de tenis, será financiada integramente polo organismo provincial, con 900.000 €. O mesmo pasa con Tomiño, pois a Deputación financiará preto dos 1,3 millóns do proxecto para a creación dun espazo público na contorna da Igrexa Santa María de Tebra, grazas a unha achega de 260.000 € que se suma aos 900.000 € do Plan Extra. Neste caso, o Concello vai crear un grande espazo público de máis de 2.300 metros cadrados fronte ao templo, mellorar a mobilidade peonil e o acceso ao cemiterio, e restaurar a histórica Casa de Teodosio para poñer en valor o patrimonio da parroquia.

Por outra banda, a Deputación financiará integramente o proxecto de urbanización da prolongación da rúa Mártires de Sobredo, en Salceda de Caselas, grazas a unha achega de 375.000 € aprobada hoxe e a 700.000 € do Plan Extra 2025. A obra conectará as rúas Mártires de Sobredo e Gándara, instalando novas infraestruturas de auga e luz, pavimentando a zona e creando novos espazos, mellorando as conexións do centro de saúde e dotando ao núcleo de novo solo residencial.

Por último, Baiona contará con 380.000 € para dous proxectos diferentes. Por unha banda, 95.000 € para a reurbanización da contorna de Santa Liberata, que xa recibe financiamento do Plan Extra 2024 e do +Provincia 2025. Desta maneira, a Deputación financia ao 100% esta obra, que ten un orzamento de 1,5 millóns de euros e que ten por obxectivo recuperar este espazo público para o uso peonil, devolvéndolle o carácter de lugar de encontro e socialización que tivo no pasado. Ademais, Baiona tamén recibe 285.000 € para completar o Plan Extra 2025, que ten un orzamento de 1,14 millóns de euros e que ten por obxecto recuperar e poñer en valor o camiño de Santiago na contorna do río Baíña, na rúa do Burgo. 

Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos destes 85 millóns, o que fan deste o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia”, asegurou o presidente da Deputación.