A Deputación arranca os concertos do programa provincial +Música este sábado, 11 de maio, co espectáculo de Treixadura en Vilaboa

O calendario inclúe concertos nos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que se celebrarán ata o vindeiro mes de setembro

09/05/2024

. Este sábado, 11 de maio, bota a andar o programa provincial “+Música”, co que a Deputación de Pontevedra apoia a programación artística dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poñendo á súa disposición un catálogo de grupos e solistas musicais profesionais que realizan os seus espectáculos en lingua galega, ou, no caso de formacións instrumentais, interpretan pezas de autoría galega. O obxectivo é contribuír á difusión e o fomento da cultura galega, promovendo a reputación da provincia como destino cultural.

Desta maneira, o calendario estréase este sábado 11 de maio coa actuación do grupo Treixadura no concello de Vilaboa. O concerto celébrase no marco da IX Mostra de Viño de Vilaboa e terá lugar ás 22:00 horas baixo o viaduto de Riomaior. Neste concerto Treixadura revisará a súa discografía, prestando especial atención ao seu último disco, “Camiño longo”, co que quixeron recuperar as melodías dos inicios do grupo para descubrir como lles acae a madurez e a experiencia aos temas máis emblemáticos. Este álbum é o rexistro dunha parte da vida compartido con todo o público da agrupación ao longo dos seus máis de 30 anos de carreira.

Entre este mes de maio e o de setembro están previstas un total de 59 actuacións nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 no mes de maio, 2 no mes de xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. En concreto, as próximas citas serán a de Francisco Castro & Banda dos Borges, o 17 de maio en Mos; a de Dakidarría, o 18 de maio en Bueu; a de Boyanka Kostova, o 19 de maio en Rodeiro; e a de Lucía Pérez, o 26 de maio en Portas. “+Música” ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.