A Deputación aproba máis de 300.000 euros para mellorar instalacións deportivas dos concellos de Pontecesures, Ribadumia e Sanxenxo
O presidente Luis López anunciou que os concellos destinarán as axudas do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ao campo de fútbol Ramón Diéguez, o campo de fútbol da Bouza e o pavillón do CEIP de Nantes e mais o campo de fútbol de Baltar
24/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres un novo investimento de máis de 300.000 euros na zona de Arousa para impulsar melloras en instalacións deportivas dos concellos de Pontecesures, Ribadumia e Sanxenxo. A Xunta de Goberno aprobou novas achegas a estes tres concellos no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dotado na súa terceira edición dun total de 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes.
Pontecesures recibirá máis de 94.000 euros para financiar obras de adecuación e mellora integral das edificacións auxiliares do campo de fútbol Ramón Diéguez para optimizar a súa funcionalidade. Actuarase en primeiro lugar no edificio principal, onde se atopan os vestiarios e a sede directiva, para renovar os pavimentos e substituír as ventás. Crearanse dous novos vestiarios na actual zona directiva, renovando as redes e subministracións e instalando un novo quentador que incrementará o caudal actual. Pola contra, no vestiario actual proxectarase a nova sala de directiva. No edificio da cantina substituirase a cuberta e a súa estrutura auxiliar por unha estrutura lixeira de aceiro e un panel sándwich, renovaranse as fachadas con panel microperforado, instalarase unha rede protectora na fachada para evitar golpes, renovarase a instalación eléctrica e crearase unha nova terraza.
Ribadumia recibirá unha achega de preto de 108.000 euros para a reforma e mellora dos vestiarios e instalacións do campo de fútbol da Bouza, en Barrantes. A actuación contempla a mellora e modernización da instalación mediante a substitución das carpintarías exteriores, a solución dos problemas de filtracións de auga que se producen polas xuntas das bancadas, tamén a mellora do canlón da cuberta da bancada que provoca pingueiras sobre as bancadas, ou a substitución das chapas da cuberta, das chapas da fachada posterior e mais das baixantes de pluviais que se atopan en mal estado. Tamén se reparará a fenda na fachada das edificacións anexas que dan ao terreo de xogo, substituiranse as portas interiores de madeira, dotarase o edificio dun novo sistema de ventilación, realizarase unha nova estrutura metálica de soporte para o marcador e adaptarase a instalación eléctrica.
Na Xunta de Goberno tamén se aprobaron dúas novas achegas ao Concello de Sanxenxo. Por unha banda, 61.000 euros para o acondicionamento e ampliación da pérgola que cubre as gradas do campo de fútbol de Baltar, co obxectivo de sanealo e tratar os óxidos presentes na superficie. Tamén se ampliará a estrutura para aumentar a superficie cuberta e ofrecer unha maior protección fronte á choiva, e se substituirán o panel da cuberta e mais o canlón de recollida de augas pluviais. Ademais, instalaranse pantallas LED na zona das bancadas para dotala de iluminación eficiente e moderna.
Sanxenxo tamén recibirá máis de 60.000 euros para dotar o pavillón do CEIP de Nantes dunha bancada modular en aceiro galvanizado sobre a cuberta dos vestiarios, con cinco filas e un total de 151 asentos. Contarán cunha varanda de protección nos laterais, na parte posterior e na fronte, e a ambos os dous lados disporase dunha escaleira. Ao tratarse dun deseño modular, a bancada poderase ampliar no futuro no caso de necesitar unha maior capacidade.
Luis López sinalou que “non hai Xunta de Goberno na que non afondamos na prioridade que debe ter unha institución coma esta: a cooperación cos concellos”. O presidente da Deputación asegurou que o PEID permite que os concellos conten con “infraestruturas municipais preparadas para acoller competicións de todas as modalidades e disciplinas, e clubs que fomentan a práctica deportiva desde a canteira ata a elite”.
