A Deputación aproba 80.000 € para que Gondomar pavimente unha estrada en Santa Lucía e 160.0000 € para camiños municipais de Salceda de Caselas
Trátase de fondos do Plan +Provincia 2026-2027, que este ano reparte 85 millóns de euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal
14/08/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas achegas por valor de 240.000 euros para Gondomar e Salceda de Caselas no marco do Plan +Provincia 2026-2027, que este ano reparte 85 millóns de euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Gondomar contará con 80.000 euros para pavimentar unha estrada en Santa Lucía, en Vincios, e Salceda de Caselas 160.000 euros para a mellora de camiños municipais nas parroquias de Santa María de Salceda, Budiño, Soutelo e A Picoña.
Máis polo miúdo, en Gondomar con estes fondos, como anunciou hoxe mesmo nunha visita á zona a deputada Paula Bouzós, actuarase nunha lonxitude de 420 metros e unha superficie de arredor de 3.000 m2, no núcleo rural de Hervillas, na parroquia de Vincios, na contorna da capela de Santa Lucía e o cemiterio. O obxectivo é executar unha nova capa de rodaxe, tomando como base o pavimento actual, e sobreanchos nas zonas onde se permita. Tamén se formula o fresado en varios tramos para poder realizar unha capa de regularización e saneo, deixando pendente cara á cuneta de augas pluviais ou para solucionar desperfectos no aglomerado. Tamén se fará nas zonas de entradas con formigón e nos encontros con outras vías. Ademais, executarase unha cuneta dobre tendida na zona do inicio da vía e se habilitarán zonas de recollida de residuos urbanos con soporte para contedores, que terán sinais informativas.
Por outra banda, en Salceda de Caselas, o proxecto abarca once camiños municipais repartidos polas diferentes parroquias, como Santa María de Salceda, A Picoña, Soutelo, Budiño e San Xurxo. Esta actuación integral inclúe a renovación de capas de rodaxe, pavimentación de tramos sen firme, ensanches de calzada para gañar anchura, construción de muros de contención, melloras nas redes de drenaxe e saneamento, e a execución dun novo tramo viario, co fin de optimizar a seguridade viaria e a accesibilidade en todo o municipio.
“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.
