Luisa Sánchez felicita ao RC Celta polo seu liderado en transparencia e crecemento de marca

09/06/2026

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, participou no acto de recoñecemento ao RC Celta organizado por LALIGA e o Consello Xeral de Economistas de España na sede social do club vigués. Durante o evento, fíxose entrega á entidade deportiva do selo de recoñecemento á transparencia e excelencia na divulgación de información non financeira, que premia os modelos de xestión responsable e comprometidos coa rendición de contas. Ademais, a responsable provincial felicitou ao Celta por se converter na marca de LALIGA que máis crece en fortaleza e por situarse por primeira vez entre os dez clubs españois con maior valor de marca.

Igualmente, Luisa Sánchez presenciou a mesa redonda na que participaron a presidenta, Marián Mouriño; o presidente de LALIGA, Javier Tebas; e o presidente do Consello Xeral de Economistas de España, Miguel Vázquez Taín. Neses relatorios, púxose en valor o papel da sustentabilidade e a transparencia como elementos clave na xestión e o desenvolvemento do fútbol profesional.