Luis López sinala a Festa do Caldo Galego de Mourente como un atractivo turístico que consolida ás Rías Baixas como un destino desestacionalizado ligado á gastronomía

O salón de plenos do Pazo provincial acolle a cerimonia de imposición de capas ás novas donas e cabaleiros da Orde do Caldo de Mourente: Jorge Cubela, Demetrio Gómez, Micaela Martínez, Pablo Fernández e Xosé Álvarez

08/03/2025

Imposición de capas ás novas donas e cabaleiros da Orde do Caldo de Mourente

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou este sábado os beneficios que teñen para o destino turistico Rías Baixas a celebración de festas gastronómicas coma a do Calgo Galego de Mourente, que celebrou no salón de plenos do Pazo provincial a súa tradicional cerimonia anual de imposición de capas aos novos donos e Cabaleiros da Orde do Caldo Galego. “A Festa do Caldo Galego de Mourente é un expoñente da nosa marca Rías Baixas: un destino turístico ligado á cultura, neste caso á gastronomía, para desfrutar os 365 días do ano en calquera dos 61 concellos da provincia”, afirmou o mandatario provincial.

O acto, conducido polo presidente da Festa do Caldo Galego, comezou cun discurso de benvida a cargo de Antonio Reguera, presidente da orde do Caldo Galego. A continuación, procedeuse á imposición de capas aos cinco novos donas e cabaleiros desta Orde, que foron: Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial; Micaela Martínez Benavente, xerente territorial do Catastro en Pontevedra; Demetrio Gómez, concelleiro de Festas e Cultura do Concello de Pontevedra; Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego da Xunta de Galicia; e Xosé Alvarez Castro, historiador, escritor e experto en memoria histórica. Antes de pechar o acto coa interpretación do himno galego a cargo do grupo de gaitas Los Alegres de Mourente, foi a quenda dos discursos institucionais. Tomaron a palabra o presidente da Confraría Luso Galaica, Fernando Silva; a confrade da Orde do Caldo Galego e concelleira no Concello de Pontevedra, Anabel Gulías; e o presidente da Deputación e tamén confrade desta orde, Luis López.

O mandatario provincial deu os parabéns aos novos confrades da Orde do Caldo Galego. “Hai un ano tiven o privilexio de recibir a honra que hoxe recibides vós, non teño dúbida de que seredes grandes embaixadores non só dun gran valor da nosa gastronomía, senón de toda a provincia”, asegurou o dirixente, quen tamén tivo palabras de recoñecemento para os impulsores desta tradicional festa gastronómica. “Son xa 33 edicións poñendo en valor un prato que é patrimonio inmaterial da nosa cultura, pero sobre todo, un grande atractivo turístico que fai que as miradas dos amantes da boa comida se pousen cada inverno nas Rías Baixas”, valorou. Finalmente, e con motivo da celebración este 8 de marzo do Día Internacional da Muller, López tamén se lembrou do papel das mulleres para converter en símbolo da provincia unha receita tradicional: “As nosas avoas ou as nosas nais son as que mantiveron viva esta receita ancestral e as que cada domingo alimentaban non só os nosos corpos, senón a nosa cultura e a nosa identidade”, agradeceu o presidente.

Finalmente, o mandatario provincial convidou a toda a veciñanza da provincia e a todos os visitantes a desfrutar desta festa e deste prato porque, “como ocorre con todas as persoas que visitan as Rías Baixas, co Caldo Galego de Mourente tamén é inevitable repetir”, concluíu Luis López.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.