A Deputación convoca 25 bolsas para mellorar as capacidades do persoal deportivo das entidades locais da provincia de Pontevedra
En colaboración coa Asociación do Deporte Español, sufragaranse os custos da realización do Curso de Competencias de Dixitalización, Innovación e Tecnoloxía no Ecosistema do Deporte ofrecido pola Universidad Rey Juan Carlos
23/08/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar a convocatoria de 25 bolsas de formación para que persoal técnico das entidades locais da provincia poidan realizar o Curso de Competencias de Dixitalización, Innovación e Tecnoloxía no Ecosistema do Deporte, titulación propia da Universidad Rey Juan Carlos (URJC). O obxectivo de acadar esta titulación é mellorar as súas capacidades nestas tres temáticas, así como en habilidades, cultura e estratexia de xestión de proxectos. A institución provincial convoca estas axudas en colaboración coa Asociación do Deporte Español (ADESP), a entidade designada polo Goberno de España para impulsar a transformación tecnolóxica do sistema deportivo.
Cada bolsa outorgada pola Deputación está valorada en 2.000 euros, e dará dereito á realización gratuíta do curso, que consta dun itinerario deseñado para que as persoas participantes obteñan as nocións básicas da transformación dixital. A través del poderán afondar, con orientación e mentorías, en coñecementos máis complexos como o big data, a ciberseguridade, as ferramentas tecnolóxicas, a cultura dixital ou as metodoloxías de innovación, entre outros.
Poderanse beneficiar técnicas e técnicos de deportes das administracións locais da provincia de Pontevedra. Á hora de valorar as solicitudes terase en conta a experiencia laboral como técnico deportivo ou similar en administración local, o número de habitantes da provincia ou do concello onde se atope traballando no momento da solicitude, as instalacións deportivas coas que conta dita administración e o seu tipo de relación contractual ou estatutaria. Poderán presentar as solicitudes ata o 6 de setembro.