A Deputación ultima o prazo para que o persoal técnico deportivo das entidades locais da provincia solicite as bolsas de formación en competencias dixitais

As axudas convócanse en colaboración coa Asociación do Deporte Español para sufragar os custos da realización do Curso de Competencias de Dixitalización, Innovación e Tecnoloxía no Ecosistema do Deporte ofrecido pola Universidad Rey Juan Carlos

01/09/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o venres 6 de setembro o prazo de solicitude das 25 bolsas de formación que permitirán que o persoal técnico deportivo das entidades locais da provincia poidan realizar o Curso de Competencias de Dixitalización, Innovación e Tecnoloxía no Ecosistema do Deporte. O obxectivo de acadar esta titulación propia da Universidad Rey Juan Carlos (URJC) é mellorar as súas capacidades nestas tres temáticas, así como en habilidades, cultura e estratexia de xestión de proxectos.

A institución provincial convoca estas axudas en colaboración coa Asociación do Deporte Español (ADESP), a entidade designada polo Goberno de España para impulsar a transformación tecnolóxica do sistema deportivo. As bolsas están valoradas en 2.000 euros cada unha, e darán dereito á realización gratuíta do curso, que consta dun itinerario deseñado para que as persoas participantes obteñan as nocións básicas da transformación dixital. A través del poderán afondar, con orientación e mentorías, en coñecementos máis complexos como, entre outros, big data, ciberseguridade, ferramentas tecnolóxicas, cultura dixital ou metodoloxías de innovación.

Poderanse beneficiar técnicas e técnicos de deportes das administracións locais da provincia de Pontevedra. Á hora de valorar as solicitudes terase en conta a experiencia laboral como técnico deportivo ou similar en administración local, o número de habitantes da provincia ou do concello onde se atope traballando no momento da solicitude, as instalacións deportivas coas que conta dita administración e o seu tipo de relación contractual ou estatutaria.