A Deputación aproba 275.000 € para mellorar infraestruturas deportivas de Gondomar e Vila de Cruces
A Xunta de Goberno deu luz verde aos investimentos cos que se actuará no campo de fútbol do Camballón (Vila de Cruces) e o polideportivo municipal de Gondomar
29/05/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres dúas achegas por valor de 275.000 € para a mellora de infraestruturas deportivas municipais dos concellos de Gondomar e Vila de Cruces. O presidente Luis López lembrou que se trata de recursos procedentes do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dotado de 8 millóns de euros, e sinalou que “xa levamos mobilizados 20 millóns de euros nas tres convocatorias ata o momento” para acometer “novos impulsos cos que seguir facendo que Pontevedra se converta na provincia do deporte”. Trátase de todo o importe que teñen dispoñible tanto Gondomar como Vila de Cruces no marco do terceiro PEID.
Vila de Cruces recibirá preto de 107.000 € para a construción dun muro no campo de fútbol do Camballón, que mellorará tanto a seguridade dos xogadores como a visibilidade dos espectadores. Construirase en pedra granítica con acabado rústico na cara vista, e sobre el construiranse un peche e unha rede de 3,5 metros de altura para que as pelotas non invadan a propiedade lindeira.
Gondomar recibirá preto de 170.000 € para a reforma e a ampliación do polideportivo municipal, cun novo volume que permitirá unha entrada cuberta aos usuarios e o público. Mellorarase o ambiente interior e reducirase a humidade cun novo peche de cristal nos ocos da fachada norte, pechando así a envolvente. Ademais, instalarase un pano na pista que a dividirá para poder acoller dúas actividades ao mesmo tempo.