A Deputación concédelle preto de 34.000 euros ao Concello do Rosal para adquirir e instalar un vídeo-marcador no pavillón municipal

Trátase de recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, dos que se distribuíron xa máis de 1,7 millóns de euros entre 28 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

20/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de preto de 34.000 euros ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para o Concello do Rosal. Con estes recursos, o Goberno local adquirirá e instalará un vídeo-marcador para o seu pavillón municipal.

O Concello do Rosal dedicará estes recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas a adquirir un vídeo-marcador led multifuncional, que permita, por unha banda, a función de marcador multideporte e, pola outra, emitir vídeos e información de interese. Ademais da adquisición, cos recursos tamén se contempla a instalación do vídeo-marcador na fachada interior que dá á rúa Simón del Mazo, centrándoo coa portería; un ordenador de sobremesa de control e xestión da pantalla; consolas deportivas multideporte para xerar información relativa ao acontecemento deportivo; unha licencia de software e bucina.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento máis de 1,7 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para O Rosal, para A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, A Lama, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.