Luis López detalla a concesión de 500.000 euros para que 122 entidades da provincia impulsen actuacións no ámbito social

“Trátanse de 30.000 euros máis que o pasado ano e chegarán a entidades de 22 concellos para activar iniciativas no ámbito social necesarias e fundamentais para esta provincia”, subliñou o presidente

14/11/2025

Luis López en rolda de prensa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de confirmar que a Xunta de Goberno do organismo aprobou a concesión das axudas por valor de 500.000 euros para que 122 entidades da provincia impulsen actuacións no ámbito social. “Trátanse – tal e como subliñou o presidente- de 30.000 euros máis que o pasado ano e chegarán a entidades de 22 concellos para activar iniciativas no ámbito social necesarias e fundamentais para esta provincia”.

En liñas xerais, esta liña de axudas distribuirá contías que oscilan entre os 1.300 € de mínimo e os 6.200 € de máximo. Con estes recursos, tal e como informou o presidente, activaranse iniciativas tan necesarias como bancos de alimentos e comedores sociais; programas de apoio e integración sociolaboral para persoas en risco de exclusión social; actividades de estimulación cognitiva, respiro familiar ou de educación para a saúde; iniciativas para mellorar a calidade de vida da infancia oncolóxica, ou, entre outros, programas para loitar contra a soidade das persoas maiores.

Benefícianse destas axudas provinciais entidades sociais pertencentes aos concellos de Bueu, Cangas do Morrazo, Crecente, A Estrada, A Guarda, Lalín, Marín, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Pontearas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. 

videos

audios