A Deputación apoia unha nova edición da Transgalaica, que dará comezo o 25 de febreiro en Cerdedo-Cotobade

A proba do circuíto galego de maratón BTT contará cun total de cinco etapas en toda a comunidade autónoma e chegará o 24 de marzo a Silleda

16/02/2024

A Deputación apoia unha nova edición da Transgalaica

A Chan de Carballedo será o vindeiro domingo 25 de febreiro o punto de partida da proba inaugural da décimo cuarta edición da proba do circuíto galego de maratón BTT Transgalaica. A proba, que conta, entre outros, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, tamén terá  outra etapa pola provincia, a terceira, concretamente, en Silleda o 24 de marzo. Ademais, a Transgalaica estará composta este ano por un total de cinco carreiras e chegará ás catro provincias. Ás de Cerdedo-Cotobade e Silleda uniránselles as de Ames (10 de marzo), Friol (7 de abril) e Manzaneda (21 de abril).

O deputado provincial e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou a proba inicial xunto co presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o director do Team Relay, organizador da proba, Javier Sánchez. Estímase que unhas 400 persoas participaron nesta primeira carreira, na que terán que enfrontarse a un percorrido de 62 km nun circuíto de 31 km de lonxitude, ao que é preciso dar dúas voltas polos montes da contorna da Chan, en Carballedo.

Desde as 8:30 horas, coa entrega de dorsais no Centro Cultural Antón Fraguas, Carballedo recibirá deportistas e espectadoras e espectadores procedentes de toda a xeografía galega e incluso de Asturias, Castela e León e norte de Portugal. A saída está programada para as 9:30 horas e a proba durará aproximadamente tres horas. Tanto o deputado provincial coma a organización fixeron unha especial mención ás comunidades de montes de Carballedo, Santa María de Sacos, San Xurxo de Sacos, Viascón, Tenorio, Rebordelo e Borela, que presenciarán o paso das e dos deportistas durante toda a mañá.

O apoio ao deporte é precisamente un dos piares do actual Goberno da Deputación. En concreto, a institución provincial destina este ano 9,5 millóns de euros para fomentar o deporte na provincia, así como para apoiar a organización de eventos de primeiro nivel coma a Transgalaica, ou, tamén no ámbito do ciclismo, O Gran Camiño ou o paso da Vuelta a España pola provincia.

Ligazóns de interese