A Deputación avanza na aprobación das bases do plan +Provincia, que repartirá 48,2 millóns entre os concellos, a cifra máis alta da historia do ente provincial

Os criterios que regularán a repartición de fondos do plan de obras e servizos da Deputación recibiron este venres a aprobación na Comisión Informativa do Servizo de Cooperación

22/12/2023

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres as bases do programa +Provincia, o plan de obras e servizos máis alto da historia do organismo provincial, que repartirá entre os concellos un total de 48,2 millóns de euros. Un documento que acaba de recibir o visto bo na Comisión Informativa de Cooperación e que establece os criterios para a repartición destes fondos entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia en catro eixes de acción que pasan pola financiación de investimentos, de gasto corrente, de promoción do emprego e, como novidade, proxectos para a transformación da mobilidade en zonas rurais ou urbanas. “O +Provincia é un plan de récord, supón o reforzo da autonomía dos concellos e unha mostra da sensibilidade da Deputación co reto demográfico e a perda de poboación que afecta o noso territorio”, sinalou o presidente, Luis López.

No tocante ás catro liñas de financiamento, a primeira está dotada con 33,74 millóns de euros e vai destinada a investimentos; a segunda, con 4 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; a terceira, de 9,25 millóns, para activación do emprego; e a cuarta e novidosa está dotada con 1,2 millóns para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.

Estes fondos repartiranse entre os concellos seguindo uns criterios transparentes e obxectivos. O 45 % do orzamento é a parte fixa que se repartirá a partes iguais entre os beneficiarios; mentres que o 55 % restante responde a variables coma a poboación, a superficie, os núcleos e, por primeira vez, a incidencia do reto demográfico. Este criterio mídese tendo en conta os concellos que máis poboación perderon nos últimos dez anos (2013-2022) e os que maior índice de avellentamento presentan segundo a relación entre a poboación maior de 64 anos e a menor de 20. “Este Goberno é sensible á perda de poboación, que é unha realidade en moitos concellos da provincia”, remarcou o mandatario provincial.

Con estes criterios, a repartición da histórica cifra de 48,2 millóns de euros quedará do seguinte xeito: o 43,57 % dos fondos, uns 21 millóns de euros, distribuirase entre os 36 concellos de menos 10.000 habitantes; o 33,71 %, arredor de 16,3 millóns, irán para os 15 concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes; mentres que o 22,75 % restante, 11 millóns, serán para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes. “Preto do 80 % do orzamento do +Provincia destinarase a satisfacer as necesidades dos concellos de menos de 20.000 habitantes”, subliñou Luis López remarcando o carácter municipalista da Deputación.

Esta sensibilidade queda demostrada coa inclusión dun criterio que dota de maior autonomía os gobernos locais á hora de decidir a que destinar os fondos que lle corresponden do plan +Provincia. Os concellos poderán recorrer ata un 30 % —e, con carácter excepcional e só no 2024, ata un 50 %— do crédito de investimento para atender gasto corrente como amortización de débedas de exercicios pasados, financiamento de  servizos municipais ou sufragar obras non consideradas de investimento. “Na nosa escoita activa aos alcaldes e alcaldesas da provincia decatámonos da complicada situación das finanzas de moitos concellos. Por este motivo, e polo noso compromiso de axudar en todo o que estea no nosa man, decidimos atender esa demanda e aumentar aínda máis a súa autonomía para empregar os fondos do +Provincia”, argumentou o responsable do Goberno provincial.

Finalmente, Luis López concluíu que “o plan +Provincia será a pedra de toque do municipalismo da Deputación, pensado para tender pontes coa Administración local, transformar o noso territorio e facer que a provincia vaia a máis”, concluíu.