Luis López salienta que o Plan +Provincia mobiliza esta semana 1,4 millóns de euros para impulsar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar 34 persoas en oito concellos

Os novos recursos beneficiarán os concellos de Baiona, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Nigrán, O Porriño, Redondela e Salceda de Caselas

05/04/2024

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 1,4 millóns de euros para que 8 concellos da provincia impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten 34 persoas ao abeiro das tres primeiras liñas do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Baiona, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Nigrán, O Porriño, Redondela e Salceda de Caselas. O presidente provincial, Luis López, explicou que “en só tres meses de ano, con estes recursos son xa máis de 15,7 millóns os aprobados ao abeiro deste plan para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou 910.000 euros para catro concellos: A Estrada, Cerdedo-Cotobade, O Porriño e Salceda de Caselas. Desta maneira, A Estrada recibirá 600.000 euros para a pavimentación de vías rurais; O Porriño, 124.820 euros para a pavimentación nos camiños de Mantelle, Vacaría, A Chan e Cerquido, na parroquia de Budiño, e no camiño do Casal na parroquia de Mosende. Cerdedo-Cotobade contará con 110.469 euros para a pavimentación do acceso A Revolta. Ademais, Salceda de Caselas recibirá 73.352 euros para a terceira fase da mellora das instalacións técnicas das piscinas municipais, unha obra que será financiada ao 100 % con fondos provinciais xa que aos recursos do Plan +Provincia súmanse outros 66.000 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas.

No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente provincial informou que a Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar 280.000 euros para os concellos de Baiona, Nigrán e Redondela. En concreto, Redondela recibe 103.422 euros para o servizo de limpeza de edificios municipais e Baiona, 85.877 euros para gasto corrente derivado da programación cultural, deportiva e social do concello. Ademais, a Nigrán destinaranse 92.600 euros para o Vive Nigrán (18.000 euros), Solpor Monteferro (15.000 euros), Nigrán Jazz (15.000 euros), Parrulas Fest (7.000 euros), Picnic Nigrán (6.000 euros), Nigrán Blues (6.000 euros), Chandefolk (6.000 euros), Carlos Núñez (5.000 euros), Cinema a pedal (4.000 euros), o Campionato de Europa de surf adaptado (3.800 euros), o Campionato do Mundo de bolos celtas (3.800 euros) e o Primavera Jazz (3.000 euros).

Ao abeiro da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba esta semana 250.000 euros para a contratación de 34 persoas desempregadas nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro. En concreto, Cerdedo-Cotobade recibirá 162.028 euros para contratar 25 persoas como podadoras, rozadoras motoserristas forestais (12), encofradoras (5), condutoras operadoras de maquinaria forestal (3), pintoras de vías urbanas (2), canteira (1), condutora de camión (1) e enxeñeira técnica forestal (1). Pola súa banda, Campo Lameiro contará con 88.669 euros para contratar 9 persoas traballadoras que desenvolverán os postos de peoas forestais (4), albaneis (2), socorristas (2) e peoa de limpeza (1).