A Deputación celebra o Día do Libro dando cita a máis de 200 escolares da provincia na entrega dos premios do concurso escolar Canta Rosalía!
Os deputados provinciais Jorge Cubela e Sandra Bastos fixeron entrega dos premios aos mellores poemas musicados sobre Rosalía de Castro que recibiron centros de ensino de Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, Crecente, A Guarda, Mos, Poio, Tui e Vilaboa
23/04/2025
A Deputación de Pontevedra celebrou este mércores no Centro Príncipe Felipe, coincidindo co Día do Libro, o acto de entrega de premios do concurso escolar Canta Rosalía! convocado co obxectivo de poñer en valor e dar a coñecer a figura de Rosalía de Castro e impulsar e fomentar a lingua e a cultura galegas entre o alumnado da provincia. Os deputados provinciais Jorge Cubela e Sandra Bastos fixeron entrega de premios do concurso, no que participaron un total de 15 centros de ensino e que foron parar a Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, Crecente, A Guarda, Mos, Poio, Tui e Vilaboa. Ao remate, os 200 nenos e nenas asistentes puideron gozar dunha actuación musical a cargo de Pakolas e Laura Romero.
Jorge Cubela, deputado de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico, lembrou que “o 23 de abril escolleuse como o Día do Libro porque foi o día en que morreron autores tan importantes da historia de literatura universal como Miguel de Cervantes ou William Shakespeare”, e destacou que, xusto dous meses antes desta efeméride, “nós celebramos o Día de Rosalía, a nosa autora por excelencia”. Cubela sinalou que “Rosalía de Castro conseguiu alzarse como a voz do noso pobo, porque ninguén como ela tivo tanta sensibilidade e acertou tanto á hora de plasmar a esencia da nosa identidade e as nosas inquedanzas”. Neste sentido, o alumnado tivo que indagar sobre a vida e obra da autora para elaborar poemas musicais, na liña do Día das Letras Galegas que este ano se lle dedican ás cantareiras e poetas orais. “Dámosvos os parabéns polo esforzo e o traballo e agardamos que a partir de agora teñades a Rosalía de Castro entre as vosas autoras favoritas e saibades recoñecer o seu talento”.
Os premios Canta Rosalía! están repartidos en catro categorías. Na categoría Campaniñas (primeiro ciclo de Primaria) o primeiro premio foi parar ao CEIP Riomaior (Vilaboa), o segundo premio foi ex aequo para o alumnado do CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio) e do CEIP Pazos de Reis (Tui) e o terceiro premio o alumnado do CEIP Plurilingüe de Tenorio (Cerdedo-Cotobade). Na categoría Airiños (segundo ciclo de Primaria) o primeiro premio levouno o alumnado do CEIP A Sangriña (A Guarda), o segundo premio ex aequo ao CEIP Petelos (Mos) e o CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio), e o terceiro premio ao CEIP Plurilingüe Manuel Sieiro (Crecente). Na categoría Fontiñas (ESO) outorgouse un primeiro premio para o IES Monte Carrasco (Cangas do Morrazo) e a categoría Paxariños (Educación Especial) quedou deserta.
Os primeiros premios consistiron todos eles nun lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de 600 euros, ademais de actuacións musicais ou teatrais nos centros, agás no caso de Fontiñas (ESO), que foi acompañado dunha actividade de escape room no Castelo de Soutomaior. Os segundos e terceiros premios consistiron nun lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de 400 e 300 euros, respectivamente. Por mor do Día do Libro os centros recibiron, ademais, un lote de libros, e todos os nenas e nenos levaron un exemplar dun libro de Rosalía de Castro publicados pola Fundación Rosalía de Castro: “Cantares miúdos”, para os máis cativos, e “Cantares gallegos” para os maiores.
