A Deputación ultima o prazo para que os escolares da provincia presenten os seus poemas musicados ao concurso Canta Rosalía!
O prazo remata o próximo venres 20 de marzo e os centro educativos poderán recibir desde actuacións musicais e teatrais, ata lotes didácticos, experiencias culturais e actividades de escape room no Castelo de Soutomaior
15/03/2026
A Deputación de Pontevedra pecha o próximo venres 20 de marzo o prazo para que o alumnado da provincia presente ao concurso Canta Rosalía! os seus poemas musicados arredor de Rosalía de Castro. Esta iniciativa, que desenvolve a Deputación por segundo ano consecutivo co gallo do Día de Rosalía, busca poñer en valor a vida e a obra de Rosalía de Castro, achegala a un público máis novo e promover o uso da lingua galega entre o alumnado grazas a unha autora que chega e conecta cos novos movementos e coas novas xeracións.
O certame está dirixido a todos os centros da provincia de educación primaria, secundaria e educación especial. A rapazada debe presentar un poema musicado en formato audiovisual, poemas de Rosalía de Castro pero tamén contidos relacionados coa escritora ou o uso/posta en escena de poemas rosalianos xa musicados por outros artistas ou grupos musicais. As obras, en formato horizontal con calidade suficiente, deben enviarse xunto co resto de requisitos recollidos nas bases do concurso en formato audiovisual mediante ligazón de descarga ao correo electrónico participa.cultura@depo.gal.
O concurso está dividido en catro categorías: “Campaniñas”, para os cursos de 1º, 2º e 3º de Primaria; “Airiños”, para os cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria; “Fontiñas”, para os catro cursos de Secundaria; e “Paxariños”, para Educación Especial. O primeiro premio (valorado en 600 €) en todas elas será unha actuación musical ou teatral que se realizará no centro escolar e un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural, agás na categoría de “Fontiñas”, que consistirá substitúe a actuación por unha actividade de escape room no castelo de Soutomaior. Ademais, as categorías “Campaniñas”, “Airiños” e “Paxariños” tamén teñen un segundo e un terceiro premio consistentes en cadanseu lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural, valorados en 400 e 300 € respectivamente.
Cada ano conmemórase o Día de Rosalía o 23 de febreiro, data de nacemento da autora máis representativa do Rexurdimento literario galego. A Deputación de Pontevedra realiza anualmente actividades e eventos relacionados con esta data tan sinalada e, ademais deste concurso, tamén conta cun programa de visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía en Padrón.