A Deputación de Pontevedra celebra os éxitos das campioas de muay thai Erika e Elora Abilleira

A vicepresidenta e responsable de Deportes, Luisa Sánchez, e o deputado Jorge Cubela, recibiron as dúas deportistas tras alzarse co título mundial e co galego

05/04/2024

Luisa Sánchez, e o deputado Jorge Cubela

A vicepresidenta e responsable de Deportes, Luisa Sánchez, e o deputado Jorge Cubela, recibiron as dúas deportistas tras alzarse co título mundial e co galego

A vicepresidenta segunda e responsable provincial de Deportes, Luisa Sánchez, e o deputado Jorge Cubela recibiron hoxe no Pazo provincial as deportistas Erika e Elora Abilleira, as irmás de Cerdedo-Cotobade que acaban de alzarse co título mundial e co galego, respectivamente, de muay thai, unha disciplina deportiva coñecida tamén como boxeo tailandés.

A vicepresidenta provincial aproveitou a ocasión para darlles os parabéns ás dúas deportistas por “facer historia” cos seus respectivos títulos. “Conseguistes, en pouco tempo, facer que esta disciplina destaque”, asegurou, ao tempo que recoñeceu que o muay thai é unha disciplina pouco coñecida na actualidade, “polo que tedes a responsabilidade de que exista un efecto chamada e a nosa responsabilidade é apoiarvos para poder continuar por esa vía”. Luisa Sánchez lembrou que o deporte é “unha aposta estratéxica” do actual Goberno provincial, tanto na elite coma na base. “Fixemos un esforzo investidor enorme para chegar alí onde vós non podedes chegar”.

Pola súa banda, Jorge Cubela, tamén alcalde de Cerdedo-Cotobade, explicou que as dúas deportistas “levan desde pequenas acadando éxitos deportivos no muay thai, cando podían ter elixido outro tipo de deportes máis visibles”. Por iso, recoñeceu o seu traballo, “que está deixando un gran sabor en Cerdedo-Cotobade e nos permite darnos a coñecer aínda máis”, ademais de agradecer e darlle os parabéns ao seu “mestre e adestrador, o tamén cotobadés Toni Garrido”.

Erika Abilleira conseguiu, no seu primeiro ano natural de competición, proclamarse, ademais de campioa mundial AITMA IMTF 2024, campioa galega e subcampioa de España de kickboxing 2023. Pola súa parte, no mesmo tempo Elora Abilleira conseguiu facerse co título galego deste ano, ademais de gañar o Torneo Ribeira Sacra 2023. Ambas as dúas levan cinco anos practicando este deporte, adestradas por Antonio Garrido na Hong Muay Thai Academy, en Cerdedo-Cotobade.

Galerias de imaxes