A Deputación colabora co Concurso Balbino de Relatos 2024 para a promoción da creación literaria en galego

Os orixinais deberán centrarse no mar, no rural e na emigración, e poderán presentarse ata o vindeiro 28 de xuño. O certame ten un único premio de 1.500 euros e a edición do libro

29/01/2024

A Deputación de Pontevedra colabora co Concurso Balbino de Relatos 2024, organizado por Edicións Fervenza, que na súa novena edición conta tamén coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Fundación Xosé Neira Vilas e dos concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces. O certame, que naceu para promover a literatura e a lingua galegas, así como os novos talentos e as e os autores xa consagrados, acaba de abrir o prazo para recibir orixinais, que se poderán remitir ata o vindeiro 28 de xuño. Os relatos que se presenten ao concurso, cuxo nome foi un acordo co escritor Xosé Neira Vilas, autor da obra máis internacional da literatura galega, Memorias dun neno labrego, deben ter como temática principal o mar, o rural e a emigración, os tres eixes centrais na vida de Balbino, o protagonista do libro.

O certame, que está dotado cun único premio de 1.500 euros, ademais da publicación da obra gañadora por Edicións Fervenza, está aberto a persoas de todas as idades e nacionalidades, que deberán presentar obras orixinais e inéditas en galego coas temáticas xa mencionadas. O relato ou a serie de relatos con estes temas poderá ser real ou de ficción e os textos deberán ter unha extensión mínima de 100.000 caracteres con espazos e máxima de 200.000.

Os orixinais poderán enviarse por correo postal ou electrónico. No primeiro caso, presentaranse cinco copias en papel DIN-A4 debidamente encadernadas, o texto levará un título e estará asinado cun lema. Nun sobre pechado á parte, levará fóra o título, e dentro o nome, os apelidos, unha copia do DNI, o enderezo residencial e o correo electrónico, e mais o teléfono da autora ou autor. En caso de optar polo envío por correo, o arquivo debe remitise en formato PDF e tamén é necesario mandar por correo postal e en sobre pechado os datos persoais. En calquera modo de envío, non levará ningún dato que identifique a autora ou o autor e deberá indicarse claramente que é para participar no Concurso Balbino de Relatos. O texto enviarase ao enderezo Técnicas & Gramaxe S. L., rúa Santa Olaia, 18, 36540 Silleda (Pontevedra) ou ao correo electrónico concursobalbino@gmail.com.

A obra gañadora escolleraa un xurado profesional, formado por cinco persoas de recoñecido prestixio do mundo da literatura e da cultura galegas, que dará a coñecer o fallo no mes de setembro, momento no que dará comezo o proceso de publicación para realizar a entrega oficial do premio e a presentación do libro no último trimestre deste ano 2024.