A Deputación converte outubro no mes da literatura, coa celebración do Día das Escritoras e o segundo encontro Pontevedra Literaria
Mulleres de palabra(s) pecharase o próximo luns, 13 de outubro, ás 20:00 horas, coincidindo co Día das Escritoras, nunha xornada no Salón de Plenos do Pazo Provincial na que se darán cita Arantza Portabales, María Oruña e Susana Fortes
10/10/2025
"Estamos a converter outubro no mes da literatura na Deputación de Pontevedra", asegurou o presidente Luis López quen puxo en valor dúas iniciativas que acollerá o Salón de Plenos do Pazo provincial nas próximas semanas: o peche de Mulleres de Palabra(s) co que a institución festexará o Día das Escritoras, o 13 de outubro ás 20:00 horas, e o II Encontro Pontevedra Literaria, os días 23 e 24 de outubro.
O próximo luns, tal e como informou o presidente provincial, porase o broche de ouro ao programa Mulleres de palabra(s), impulsado por vez primeira pola Deputación de Pontevedra no marco do Ateneo Provincial pola Igualdade. "Unha iniciativa que ao longo do ano converteu en protagonistas a 15 escritoras de recoñecido prestixio da provincia e reivindicou o labor e o legado literario das mulleres", remarcou López quen engadiu que o programa chegará ao seu fin este luns celebrando o Día das Escritoras da man de Susana Fortes, María Oruña e Arantza Portabales, nun acto no que tamén se desvelarán as lecturas recomendadas polas protagonistas de Mulleres de palabra(s).
Pola súa banda, o presidente agradeceu "a excelente resposta da cidadanía pontevedresa" ante a programación do segundo encontro Pontevedra Literaria, que terá lugar o 23 e 24 de outubro coa participación de Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois. "Foi tan extraordinaria a resposta que vémonos na obriga de cambiar o lugar de celebración do encontro, que por limitacións de aforo pasa da zona acristalada do Edificio Castelao do Museo a celebrarse aquí, no Pazo provincial", asegurou López quen engadiu "que están cubertas xa as prazas para a sesión do venres 24 e quedan moi poucas prazas para a xornada do xoves 23".
