Benítez expón en Cádiz a revolución do ‘Modelo Ágora’ para recuperar espazos públicos e insta a ter valentía política para replicar o modelo na provincia andaluza

O deputado de Mobilidade impartiu unha conferencia ante unhas 70 persoas políticas e técnicas de concellos e asociacións gaditanas

08/02/2023

Cádiz, congreso de mobilidade

O ‘Modelo Ágora’ da Deputación de Pontevedra vén de consolidarse como o exemplo a seguir para a Deputación e os concellos da provincia de Cádiz. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez participou hoxe nunha recepción institucional na administración andaluza e tamén no ‘Congreso de Mobilidade Local Sustentable. Unha necesidade crecente’ organizado pola Axencia provincial da Enerxía.

Alí explicou o éxito que tivo a filosofía de centrar nas persoas as actuacións de mellora urbana na provincia pontevedresa. Subliñou que nos últimos anos viviuse “unha revolución” tanto no número de concellos que apostan polo modelo como nas obras executadas e nos metros recuperados gañados aos coches, e instou “a ter  determinación e valentía política para levala adiante tamén” na provincia gaditana.

O deputado pontevedrés, ante un auditorio de unhas 70 persoas (60% persoal técnico, 30% político, e 10% de asociacións) explicou que o eixo central da aposta pontevedresa é “algo que xa todo o mundo sabe que funciona”: considerar que o espazo público é un dereito das persoas, ao mesmo nivel que a sanidade e a educación, tal e como está recollido no decálogo de Principios Ágora como punto principal.

Benítez explicou que a Deputación deu un xiro de 180 graos á concepción da mobilidade na provincia de Pontevedra xa no cambio de goberno en 2015, pasando a un concepto de infraestrutura entendida como espazo público en lugar de como un lugar de paso para vehículos. Dende ese momento os concellos pontevedreses, subliñou, recibiron axudas e asesoramento técnico para as melloras urbanas que poñían as persoas no centro.

Os resultados, segundo destacou o nacionalista, están á vista na provincia de Pontevedra, con actuacións e reurbanizacións que teñen cambiado os concellos da provincia para facelos máis “vivibles”. Neste sentido, lembrou actuacións nos concellos Ágora como as de Tomiño, Poio, Vilagarcía, Rosal, Gondomar, Ponte Caldelas, A Estrada e moitos outros, que fan que “a provincia sexa das punteiras no movemento global da recuperación do espazo público”.

A visita de Uxío Benítez e o asesor Jesús Fole a Cádiz estivo precedida da recepción institucional que a Deputación de Pontevedra fixera a unha delegación gaditana o pasado mes de xaneiro. Entón o vicepresidente segundo e deputado da área de Transición Ecolóxica, Javier Vidal, e a directora da área María Teresa Fernández, estiveron en Pontevedra para participar en varias reunións técnicas co equipo Ágora pontevedrés e coñeceron ‘in situ’ algunhas das actuacións xa rematadas na provincia.

Galerias de imaxes